Nigrán será sede esta fin de semana do 13 e 14 de abril da segunda proba da Liga Nacional de Raids de Aventura, respaldada pola Federación Española de Orientación (FEDO) e a Galega co apoio do Consejo Superior de Deportes e LaLiga4Sports e o propio Concello de Nigrán.
Trátase da primeira vez que a comarca de Vigo celebra unha proba que combina orientación e deporte, competindo nela 178 corredores de toda a península repartidos en 61 equipos de 3 membros.
Este raid, de 18 horas de duración non-stop arrancará o sábado ás 12:00 dende o Colexio de Panxón para percorrer diferentes puntos do Val Miñor en kaiak, a pé ou en bicicleta de montaña, rematando o domingo ás 6:00 da madrugada como tope.
Catro disciplinas
A competición combinará 4 disciplinas: o Kaiak (8 km entre Praia América e o esteiro de A Foz), trail (tramos de 20 km+11km+13 km por Monteferro, Galiñeiro e Chan da Lagoa), bicicleta de montaña (100 km entre Panxón, Galiñeiro e Chan da Lagoa), trekking, e unha pequena parte de escalada.
A duración é de 18 horas Non-Stop, dando comezo ás 12:00 h do sábado 13 de Abril no Centro de Educación Especial de Panxón, onde tamén é a meta e onde se celebrará a cerimonia de entrega de trofeos o domingo 14 ás 13:00 h (moitos corredores durmirán nestas instalacións).
A progresión da proba pode seguirse en directo en: https:// tracktherace. com/é/ pontevedraid-2019.