Galicia Vigo al minuto

@primaveradocine preparado para a súa 8ª edición

O Primavera do Cine en Vigo deu a coñecer este xoves o cartel da súa oitava edición, unha obra realizada pola deseñadora María Llauger e que representa todo unha nova onda estilística respecto ás edicións anteriores.

O cartel, sinalaron os organizadores, “ten varios significados: por un lado, as cores vivas e as flores simbolizan a primavera, mentres que a cámara garda relación co mundo cinematográfico. Doutra banda, Llauger vai máis aló e fai un chisco a Portugal e á súa Revolución do Caraveis, buscando asemade poñer énfase no cinema coma unha arma de liberdade de expresión”.

En palabras da propia deseñadora “a imaxe busca representar esa idea do cine coma unha arma de liberdade de expresión e a oportunidade que brinda o Primavera do Cine de dar a coñecer os traballos audiovisuais que non teñen cabida noutros canles de distribución máis comerciais”.

Cine Miúdo e Festival nas ondas

O Primavera do Cine en Vigo ten abertas ata o 5 de abril as inscricións para que os colexios de infantil e primaria poidan apuntarse ao ciclo de Cine Miúdo. Esta actividade terá lugar o 25 e 26 de abril no teatro Afundación e será conducida por Caspervek, quen musicalizará en directo grandes obras do cine mudo para que os rapaces poidan aprender a estreita relación que existe entre o cine e a música. Deste xeito, Juan de Castro, o director do certame, invita a participar dela a todos os colexios porque “é unha das actividades máis interesantes e bonitas do festival”.

Doutra banda, tamén se deu a coñecer a colaboración que existe entre o Primavera do Cine e o Conservatorio Superior de Música de Vigo para promocionar o Festival Nas Ondas e, en concreto, un dos seus actos máis espectaculares: A Pasión de Juana de Arco que terá lugar o 2 de abril. Nesta actividade Brais Rodríguez (integrante do grupo Caspervek), xunto coa Orquesta 430 e un coro porá música a un dos grandes clásicos do cine mudo do gran cineasta Carl Theodor Dreyer.

También te puede interesar