Comarcas

@DignaRRivas advirte de que Redondela está totalmente desprotexida en materia de Emerxencias

A concelleira e deputada provincial Digna Rivas, vén de advertir sobre a situación de Redondela en materia de Emerxencias. Rivas sinala que das tres persoas con que contaba o Servizo de Emerxencias, dúas xa non figuran no mesmo ao gañar praza en Vigo, e a outra persoa atópase de baixa por enfermidade.

Nestes momentos, afirma a concelleira “Redondela está absolutamente desprotexida ante calquera situación de emerxencia, sen medios propios e sen ningún tipo de convenio asinado con outros organismos ou administracións”.

“Non é a primeira vez” que Digna Rivas chama a atención sobre a precariedade dos servizos de Emerxencia municipais, con tres persoas “a todas luces insuficientes para cubrir as necesidades do cuarto municipio da provincia en número de habitantes”.

“Redondela está na peor situación de toda a súa historia en materia de Emerxencias”, asegura a concelleira, “pese as promesas realizadas reiteradamente dende hai oito anos polo alcalde Javier Bas”.

A única realidade é que a día de hoxe, afirma Rivas, “Redondela non ten servizo de Emerxencias e non o terá durante os vindeiros meses xa que no caso de que o Goberno local decida iniciar o proceso de cubrir as dúas prazas deste servizo, –algo improbable vista a importancia que lle presta a este asunto– tardaríanse varios meses en rematar dito procedemento”.

En caso de situación, apunta a deputada provincial, “dependeríamos de servizos como os bombeiros de Vigo ou o Consorcio do Porriño e da súa dispoñibilidade ao non ter ningún tipo de convenio asinado con eles”.

Rivas pon como exemplo os dous contedores de lixo que arderon esta fin de semana no porto de Cesantes, casos nos que é moi improbable que os Bombeiros de Vigo ou o Consorcio do Porriño enviaran medios para extinguir o lume “ao non ser un caso de extrema urxencia, pero que si son casos que provocan alarma entre os veciños e veciñas”.

También te puede interesar