Comarcas

Convocan protestas en Maderas Iglesias para rexeitar novo ERE para toda a plantilla

O comité de empresa de Maderas Iglesias, empresa do Porriño dedicada á fabricación de tarima flotante, vén de convocar mobilizacións para rexeitar o novo ERE suspensivo anunciado pola dirección.

A primeira mobilización terá lugar este venres día 25, xornada na que se desenvolverá un paro de de 1 a 3 da tarde e unha concentración diante das instalacións da compañía.

A representación dos traballadores rexeita o novo ERE, cuxa comisión negociadora se constituirá nos vindeiros días, e lembran que se trata do noveno que presenta a empresa, ao tempo que denuncian que “o persoal segue sen cobrar o salario íntegro de decembro e paga completa dese mesmo mes”. Con estes atrasos, subliñan dende o Comité, o propietario de Maderas Iglesias está a incumprir os acordos que permitiran supender a folga convocada a finais do ano pasado.

“Non vemos unha saída á situación que estamos a padecer os 200 traballadores que quedamos, e a dirección segue sen aclarar cal vai ser o futuro da compañía”, denuncian. Queren deixar moi claro que o ERE non é a solución, e critican a actitude do empresario e a falta de implicación da Xunta.

“O Goberno galego comprometérase a buscar unha solución pero pasa o tempo e todo segue igual”, polo que seguran sentirse abandonados. Neste senso, aseguran que “semella que os traballadores somos os únicos que queremos que a empresa sexa viábel e siga a funcionar”.

También te puede interesar