Galicia Vigo al minuto

‘Vigocultura’ propón 37 funcións de música e artes escénicas entre febreiro e abril

O venres 25 e o sábado 26 de xaneiro arranca na rúa do Príncipe a programación municipal de artes escénicas e musicais, ‘Vigocultura’, que se desenvolverá nos meses de febreiro, marzo e abril.

Trátase da compañía portuguesa Projeto EZ que realizará unha ruada, protagonizada por dous vehículos sorprendentes, con pases ás 18:30 e ás 19:30 h. Serán as primeiras das 37 funcións previstas nesta nova tempada, que volverá contar con teatro, música, danza, maxia, circo, monicreques, un espectáculo para bebés e un de rúa.

‘Vigocultura’ contará con sesións para público adulto, os venres ás 9 da noite, e con programación destinada a público familiar, que continuará realizándose os domingos ás 6 da tarde.

O venres 1 de febreiro comezará a programación no Auditorio Municipal do Concello, que todos os venres exhibirá espectáculos para adultos con compañías como Contraproducións, Eme2 Emoción&Arte, La Estampida, La Joven Compañía, A Berberecheira de Chévere ou Malasombra Producións.

Este 2019 volve, por segundo ano, o programa especial 3×3, que pretende achegar ao público ao Auditorio Municipal realizando funcións en diferentes zonas do mesmo coma o vestíbulo, os camaríns ou o propio escenario. Deste xeito, tres compañías realizarán 3 pezas de microteatro e os espectadores irán pasando dunhas zonas a outras do Auditorio.

O venres 15 de marzo, o grupo Talabarte presentará o seu novo disco contando coa presenza especial, como artista invitado, do grande percusionista bretón Dominique Molard, un evento excepcional que só se poderá ver en Vigo.

Para os máis pequenos e as súas familias a oferta completase con compañías como Culturactiva ou La Canica, un espectáculo para bebés (con tres pases), o Mago Cayetano Lledó, o musical A nena e o grilo máis aló, un espectacular traballo con pompas de xabón xigantes a cargo de Malasombra Producións ou o novo circo a cargo de La Banda de Otro.

Os prezos dos espectáculos seguen a normativa establecida tanto pola Rede Galega de Teatros e Auditorios como polas ordenanzas fiscais municipais. As entradas para os espectáculos para adultos custarán 8€, excepto o programa especial 3X3 que terá un prezo de 9 €, namentres que os dirixidos a público familiar custarán 5 €.

As entradas poderán adquirirse anticipadamente a partir do martes día 15 de xaneiro (sen gastos de xestión, ao mesmo prezo que no despacho de billetes), a través da páxina web de Ticketea, no teléfono 902044226, en Discos Elepé (r/ Doutor Cadaval, 35), ou o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo, no despacho de billetes do Auditorio (sempre que houbese entradas dispoñibles).

Os abonos para a programación deste período pódense combinar entre todos os espectáculos en paquetes de 5 ou 10 espectáculos, con importantes descontos do 10 e 25 % respectivamente.

También te puede interesar