Galicia Vigo al minuto

A oposición municipal carga contra a caída dos investimentos dos Orzamentos do Estado en Vigo

“Semella que as viaxes e recados de Abel Caballero en Madrid non impiden que de novo Vigo quede relegada nos Orzamentos Xerais do Estado. Mesmo actuacións que demagoxicamente levan protagonizando o debate político como o AVE Ourense-Vigo por Cerdedo apenas consignan 500.000€dun total de máis de 1.000 millóns de custo total orzamentado”.

Así vén de cualificar Marea de Vigo o compromiso de investimento na cidade do proxecto de Orzamentos do Estado presentado polo Goberno. O seu voceiro, Rubén Pérez, engade que “non aparece proxecto de Biblioteca Pública do Estado, nin un euro para melloras ou Plan de abastecemento de auga en Vigo, non se concretan políticas de vivenda na cidade derivadas do Plan Estatal e non existe ningún compromiso de incremento de partida co museo de arte contemporáneo MARCO”.

“Ridículo” de Abel Caballero

Pola súa banda a presidenta do Partido Popular de Vigo é moito máis dura e, ao seu xuízo, as contas son “unha vergoña e unha humillación para a cidade máis grande de Galicia”. Elena Muñoz afirma que este proxecto “deixa en evidencia ao alcalde quen “fixo o ridículo nas súas visitas aos ministros do Goberno”.

Para a líder do PP local queda claro que “o peso político do alcalde so lle chega para sacarse unha foto e facerse propaganda…pero para Vigo, nada de nada”.

Muñoz subliña que nas contas do Goberno Sánchez recórtase á metade a partido do AVE a Madrid, “e iso que o PSOE pedirá o ano pasado 10 veces máis”; “desaparece” a Biblioteca do Estado; non hai nada para a conversión en vía urbana da AP-9 ao seu paso por Teis; a inversión para a Avenida de Madrid diminúe nun 45 por cento; non hai orzamento para a mellora do abastecemento e tampouco para o Central de Transportes da Zona Franca.

Elena Muñoz remata afirmando que dos 33,8 millóns que pedía o Partido Socialista o ano pasado nas súas emendas non hai nada, “o alcalde quedouse ronco porque sabe que se están a rir del”.

También te puede interesar