Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

Concello, Xunta e Ministerio cofinanciarán un estudio para buscar a mellor alternativa de subministro de auga a Vigo

Concello, Xunta e Ministerio de Transición Ecolóxica acordaron este venres encargar un estudo para decidir a mellor solución definitiva ao problema de subministro de auga de Vigo.

O alcalde, o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, e a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, tomaron a decisión de financiar a terzos un estudo que valore a viabilidade técnica e medioambiental de cada unha das alternativas nas que se barallan.

Abel Caballero sinalou, logo da xuntanza, que vanse contemplar todas as opcións, sen descartar novas opcións que puideran aportar os técnicos: recrecida da presa de Eiras -construír unha nova bóveda colocada diante da existente-, unha nova presa na parte alta do Oitavén, un transvase permanente desde o Verdugo ao Oitavén na parte alta da conca -tal a como suxeriu a Xunta no 2011 – e, por último, o transvase desde o Miño ata a potabilizadora de Vigo.

Tal e como explicou o alcalde, unhas solucións son máis “plausibles” que outras, atendendo á dificultade técnica e do custe das mesmas. Tamén referiuse ás dúas solucións de emerxencia propostas pola Xunta. A primeira delas, do ano 2011, pasa por unha condución desde máis abaixo da confluencia do Verdugo e do Oitavén ata a canalización de Vigo, mentres que a alternativa ofrecida o ano pasado consistía en realizar outra canalización desde a zona alta do Verdugo.

As tres administracións decidiron que sexa o Concello o que contrate este estudo, e previamente asinarán un convenio de cooperación baseado nun borrador achegado pola Xunta e que, unha vez asinado, permitirá a licitación deste traballo nun prazo aproximado de tres meses. O rexedor amosou a súa satisfacción co resultado deste encontro porque ese estudo -valorado nuns 200.000 euros- pode estar redactado en 6 o 8 meses.

Caballero tamén falou do caudal ecolóxico, un tema no que non houbo acordo na reunión a pesar da súa insistencia en reclamar criterios climatolóxicos e non de calendario para decretar a cantidade de auga que se verte ao río. Lembrou que o dato de pluviosidade do mes de outubro “é moi preocupante” dado que choveu na conca de Vigo a cuarta parte que nos últimos dez anos.

También te puede interesar