Galicia

Paro total e “protagonismo das mulleres” no primeiro día de folga no sector de elaborados do mar

CIG-Mar valora como un “éxito total” a primeira xornada dunha folga protagonizada polas mulleres, maioritarias no sector, que desde primeiras horas da madrugada deste luns “logaron paralizar por completo a industria galega dos conxelados”.

Segundo a CIG, a vontade unánime de loita demostrada hoxe debe facer rectificar á patronal, que “valorou mal a situación” e provocou unha folga que, alén da reivindicación salarial, se centra na inclusión de dereitos básicos no convenio estatal.

“É unha folga histórica porque non se cinxe, tal e como algúns querían, á reclamación salarial, se non que é unha folga por dereitos, principalmente das mulleres”. Así afirmou hoxe Xabier Aboi, da CIG-Mar, que salientou que o seguimento foi total en industrias da provincia de Pontevedra como Fandicosta, Numarsi, Mascato, Pereira ou Cabomar, cunha “resposta magnífica” por parte do persoal.

Lembran que o convenio estatal, expirado en 2015, é dos máis precarios de todo o ámbito da alimentación, cunha perda importante de poder adquisitivo nestes últimos anos. Neste sentido, reivindican, entre outras demandas, que a finais de 2020 o salario máis baixo poida acadar os 14.000 euros.

Esixen, tamén, limitar o masivo traballo temporal e evitar a implantación de novas fórmulas abusivas como empresas multiservizos ou falsas cooperativas. Alén diso, reivindican pluses de refrixeración, dadas as condicións de frío e humidade no que decorre o traballo.

Non obstante, e nun sector onde as mulleres representan entre o 75% e o 85% do total dos cadros de persoal, cobra maior relevancia a loita por dereitos tan básicos como conciliación, reducións de xornada, licenzas, permisos retribuídos para poder levar as crianzas ao centro de saúde, etc.

Responsabilizan, tamén, á Xunta de Galici, á que acusan de complicidade coa patronal por non se ter implicado nunha problemática “que vén de lonxe”.

A folga continuará os vindeiros mércores 24 e xoves 25 de outubro, con expectativa de repetir o éxito da primeira xornada, segundo a CIG-Mar.

A CIG-Mar reivindica un convenio galego

A federación continúa a reivindicar, pola súa banda, a necesidade estratéxica de contarmos cun convenio galego “que podería traer moitos beneficios” ao persoal dos elaborados do mar. Enfatiza, ademais, o “enorme prexuízo” de negociar en Madrid un convenio estatal que afecta unha actividade cun peso do 75% en Galicia e cuxa patronal maioritaria ten a sede en Vigo.

También te puede interesar