Ciencia y Tecnología Galicia

Os pacientes ingresados nos hospitais de Vigo dan un ‘sobresaínte’ á atención recibida e ao persoal sanitario

Segundo datos do Servizo Galego de Saúde (Sergas), difundidos este venres, a confianza e o nivel de satisfacción dos pacientes hospitalizados no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo consolidase no “sobresaínte”.

Así se reflicte nos resultados da enquisa de satisfacción realizada polos responsábeis da Área Sanitaria de Vigo e que consigue unha puntuación global de 8,9 sobre dez, “mellorando en 3 décimas os globais obtidos o ano pasado”.

A enquisa realizouse a 476 pacientes que permaneceron ingresados ao menos un día nos hospitais Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro e que recibiron alta hospitalaria nos meses de febreiro, abril e xuño deste ano.

O 59,6% dos 476 pacientes enquisados foron mulleres, mentres o 40,7% foron homes. A idade media global foi de 53,3 anos. Unha cifra superior entre os homes, 61 anos, que nas mulleres, 48 anos. Por hospitais, as idades medias variaron, debido ás distintas patoloxías que se atenden en cada un deles. Así no Álvaro Cunqueiro a idade media dos enquisados foi 45 anos, mentres que no Meixoeiro a cifra ascendeu aos 74 anos.

A análise dos datos por áreas asistenciais reflicte que as médicas e as de críticos alcanzaron un 9 sobre 10. Unha cifra que medra na área materno infantil -cun 9,- mentres que a área cirúrxica queda nun 8,6. Por unidades, as máis valoradas son  Hematoloxía, Neonatoloxía,  Neuroloxía, Obstetricia e a Unidade de Coidados Paliativos no Meixoeiro.

En relación coa atención sanitaria recibida, os enquisados outórganlle un 9,3 sobre dez, medio punto máis que hai un ano. Tamén “medra considerablemente” a percepción dos pacientes hospitalizados sobre o trato  e a amabilidade do persoal situándose nun 9,2 sobre dez -en 2017 foi de 8,9-, “un sobresaínte que se alcanza tanto no Álvaro Cunqueiro (9,2) como no Meixoeiro (9,3)”. As unidades mellor valoradas neste apartado son as de Obstetricia,  Neonatoloxía e Xeriatría, esta última no Hospital do Meixoeiro.

También te puede interesar