'Qué te cuentas?' Destacados

A praia de Samil sede da campaña ‘Móllate pola Esclerose Múltiple’, que chega por primeira vez a Galicia

A campaña solidaria ‘Mójate por la Esclerosis Múltiple’ chega por primeira vez a Galicia bautizada como ‘Móllate’ o vindeiro domingo 8 de xullo. Samil será a primeira praia galega en acoller esta campaña de sensibilización social organizada pola Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM) e a Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple (AVEMPO) co fin de achegar á sociedade unha patoloxía coa que conviven máis de 3.000 persoas en Galicia e unhas 47.000 en España.

O evento, que ten o respaldo do Concello e a Deputación de Pontevedra, conta con numerosas e moi diversas actividades lúdicas de carácter familiar que terán lugar ao longo da xornada na piscina da Ponte de Rande e os seus arredores.

Desde que se puxo en marcha a campaña en Cataluña, no ano 1994, máis de 900 praias e piscinas de todo o país, 100.000 persoas, e ao redor de 3.000 voluntarios súmanse cada ano a esta iniciativa solidaria para visibilizar a ‘enfermidade das mil caras’ e recadar fondos para o mantemento das asociacións que prestan servizos ás persoas afectadas.

Neste 2018 o ‘Móllate’ chega a Galicia, comunidade que conta cunhas 3.000 persoas afectadas e sitúase como zona de alta frecuencia da enfermidade.

As actividades do ‘Móllate’ comezarán ás 10:30 h., cunhas ‘olimpíadas molladas’ de xogos con auga para tódalas idades. O evento conta con numerosas actividades acuáticas, como ximnasia acuática en familia, un campionato de vóley-piscina e outro de ‘brilé’.

Durante a xornada convocaranse dous ‘chapuzones’ solidarios pola Esclerose Múltiple, o primeiro ás 12:30 h na praia e o segundo ás 18:00 h. na piscina. Ademais, celebraranse dous ‘piscicarreras’ de relevos na piscina (ás 11:30 h e ás 18:00 h.) co fin de sumar metros pola EM. De forma simbólica, contabilizaranse os metros nadados polos asistentes na piscina, e outorgaráselles un diploma que acredite a súa participación. Os metros alcanzados entre tódalas persoas que participen nas carreiras sumaranse ao total de metros nadados no resto de praias e piscinas de España. O programa completo do ‘Móllate’ pódese consultar na web oficial da campaña esclerosismultiplegalicia. org/ mollate.

O ‘Móllate’ tamén conta coa súa parte musical. Durante toda a tarde haberá ambientación musical, que correrá a cargo da Asociación Viguesa de DJ, e o evento concluirá cun concertó solidario pola EM grazas á participación desinteresada de grupos locais.

Xeitos de colaborar con ‘Móllate’

Tódalas actividades do ‘Móllate’ son de carácter gratuíto, aínda que se aceptarán donativos para aumentar a recadación da campaña, xa sexa no evento ou a través da web de FEGADEM.

Durante a xornada haberá nos arredores da piscina varias carpas informativas sobre a Esclerose Múltiple e os servizos que ofrecen AVEMPO e FEGADEM, e instalarase un posto co ‘ merchandising’ oficial da campaña co fin de recadar fondos para o mantemento das entidades organizadoras. Durante toda a xornada venderanse ademais rifas solidarias para entrar no sorteo de varios obxectos doados por empresas locais para a campaña, que se celebrará ao final da xornada.

También te puede interesar