'Qué te cuentas?' Galicia

Este luns, ás 5 da mañá, comeza a campaña do polbo

Este luns, ás 5 da mañá comeza en Galicia a campaña extractiva do polbo e prolongarase ata a data de inicio da veda do ano 2019, que se fixará polo correspondente plan que se publicará antes da seguinte veda. Así o especifica a resolución do plan experimental para a xestión desta especie para a campaña 2018/2019.

A Consellería do Mar e o sector consensuaron un novo plan do polbo para este ano que permanecerá vixente ata que se publique o plan do ano que vén, que fixará a seguinte veda.

Segundo establece este plan, a partir de mañá e ata o 31 de agosto, a cota máxima de captura desta especie é de 30 quilogramos por barco e día. A esta cantidade engádenselle 30 quilogramos día por cada tripulante enrolado a bordo, ata un máximo de 210 quilogramos día. No que resta de campaña a cota máxima será de 50 quilogramos por embarcación e día, cantidade á que se lle engaden 50 quilogramos/día por cada tripulante enrolado a bordo, ata un máximo de 350 quilogramos/día.

O horario de traballo das embarcacións con nasa para polbo iniciarase ás 6 da mañá –aínda que poden saír do porto ás 5- e finalizará ás 4 da tarde e o descanso semanal desenvolverase dende as 4 da tarde do venres ata as 6 da mañá do luns. O número de nasas permitido está en función do tamaño da embarcación e do número de tripulantes enrolados.

También te puede interesar