Ciencia y Tecnología Galicia

O Goberno de Galicia crea a primeira bolsa de emprego temporal para persoas con discapacidade intelectual

O Goberno de Galicia vén de por en marcha por primeira vez unha bolsa de emprego temporal reservada para persoas con discapacidade intelectual. As persoas apuntadas nesta lista poderán traballar nas consellerías da Administración galega con contratos temporais, en postos de traballo especificamente adaptados.

Para poder anotarse nesta lista específica é requisito ter sido admitido nas oposicións que se convocaron no 2016 para a categoría de ordenanza do grupo V de persoal laboral fixo da Xunta. As persoas que se apunten nesta bolsa de emprego estarán ordeadas en función da puntuación que obtiveron nesas oposicións, de modo que as que acadaron unha mellor puntuación estarán situadas nos postos máis altos da lista.

O prazo de inscrición permanecerá aberto desde mañá, xoves 28 de xuño, ata o vindeiro 15 de xullo, segundo recolle unha resolución da Dirección Xeral da Función Pública incluída no Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe. Estas listas son utilizadas pola Xunta para cubrir vacantes, facer substitucións e reforzar os servizos públicos.

Todas aquelas persoas que cumpran os requisitos e estean interesadas en apuntarse a estas listas específicas de emprego temporal deberán presentar a instancia que se pode descargar na web da Xunta de Galicia (www.xunta.gal), no apartado Listas de Contratación.

También te puede interesar