Cultura Vigo al minuto

@carmelasilva presentou a programación de #PortAmérica2018

A presidenta da Deputación de Pontevedra presentou este martes pola mañá, acompañada polo alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, unha nova edición do primeiro dos #RíasBaixasFests: o PortAmérica. O festival, que combina música, gastronomía e artesanía local e turismo familiar, chega un ano máis á carballeira de Caldas entre os días 5 e 7 de xullo no marco do Cultura Quente.

Na presentación, Carmela Silva tamén estivo acompañada polo director e o subdirector do Festival, Joaquín Martínez e Carlos Rodríguez, o director de AGADIC, Jacobo Sutil, representantes de Repsol e de Estrella Galicia, Ana Ritter e Víctor Mantiñán, e o chef Pepe Solla.

Silva provincial valorou moi positivamente “o apoio do PortAmérica á sustentabilidade, xa que non hai futuro se non apoiamos nin melloramos a nosa contorna e o medio ambiente”, e tamén “a súa aposta pola igualdade”. Neste sentido, a presidenta  asegurou que “o século XXI vai ser o século das mulleres e a xente intelixente, por convicción e por principios, non pode quedar allea ao 52% da poboación. Quen non conte connosco vaino pasar moi mal”, asegurou.

Silva referiuse a iniciativas do PortAmérica como a que contará cun espazo para a reflexión e o diálogo en relación á igualdade de xénero, ou a inclusión de persoal con chalecos violetas que actuará ante calquera posible incidencia.

Un dos elementos diferenciadores do PortAmérica será de novo o “ShowRocking”, escollido como mellor zona de restauración dun festival a nivel estatal en 2015 e 2017 e que contará esta edición, baixo o comisariado de Pepe Solla, con máis de 30 nomes que suman un total de 30 Soles Repsol.

Carmela Silva sinalou que un dos atractivos do noso destino son “os nosos produtos, os mellores do mundo” e por iso “a zona de restauración merecería ser premiada todos os anos”. Entre o catálogo inicial de nomes que estarán no “ShowRocking” atópanse os chefs de #PontevedraProvincia Pepe Solla, Javier Olleros, Yayo Daporta, Diego López, Antonio Botana, Iñaki Bretal e Pablo Romero.

O chef Pepe Solla asegurou que “co cambio a Caldas demos un salto incrible e imos introducindo cada ano nomes moito máis potentes”. Pepe Solla tamén anunciou que, xunto coa zona de restauración, desenvolveranse “uns pequenos debates abertos nos que participarán persoas relacionadas directa ou indirectamente coa cociña, baixo o nome de ‘Conversas’”, que se poderán seguir por streaming en directo.

No cartel musical do PortAmérica 2018 resaltan grandes nomes como os de Vetusta Morla, Imelda May, Izal, Xoel López, Pussy Riot, La Pegatina, Miranda! ou El Columpio Asesino, entre moitos outros.

As entradas para o recinto están xa á venda, así como as da zona de acampada e as reservas dos autobuses gratuítos que conectarán diversas localidades galegas co recinto (na provincia de Pontevedra haberá saídas desde Pontevedra, Vigo, Vilagarcía, Sanxenxo e Portonovo, Catoira, Bueu, Cambados e Cangas).

También te puede interesar