Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

O Meixoeiro conta cun novo láser de última xeración para a realización de operacións de cataratas e transplante de córnea

O Servizo de Oftalmoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI), que ten a súa sede no Hospital do Meixoeiro, acaba de incorporar un “láser de última xeración” que servirá para as operacións cirúrxicas dun tipo de cataratas concretas, as de maior complexidade, e os transplantes de córnea.

A nova tecnoloxía é a primeira deste tipo que incorpora o Servizo Galego de Saúde. O seu uso permite realizar intervencións con gran precisión, reduce o tempo total da operación e mellora considerablemente a recuperación visual.

Do mesmo xeito, a aplicación da tecnoloxía do láser “Femtosegundo” proporciona as condicións idóneas para aumentar a capacidade cirúrxica do Servizo de Oftalmoloxía.

Este servizo do  CHUVI realiza anualmente 9.500 intervencións de todo tipo das que case 5.000 son cataratas.  Sen embargo, esta nova técnica ten unhas indicacións moi concretas, vai dirixida á corrección dun tipo de cataratas moi especificas. “Desta cifra calculamos que inicialmente faremos ao redor de 700 co novo láser, que serán as de maior complexidade”, explica o xefe do servizo de Oftalmoloxía, o doutor Luís Cadarso.

“Supón un avance moi importante tanto para os cirurxiáns como para os pacientes. É un procedemento  indoloro e que se realiza cunha gran axilidade pola precisión que achega”, subliña o doutor  Cadarso.

A maioría das intervencións que se realizarán con este procedemento serán cataratas dunha elevada complexidade. Pero este sistema láser permite abarcar outras intervencións que se realizan en oftalmoloxía. “Aplicarémolo nos casos  máis complexos, porque nos achegará unha maior seguridade no momento da operación”, salienta.

Con todo, o uso do novo láser instalado no Meixoeiro tamén se orientará aos transplantes de córnea e implante de aneis cornais.

O láser actúa no inicio do proceso cirúrxico, cando hai que incidir sobre o tecido ocular e desfacer a opacidade que presenta o cristalino do ollo, no caso das cataratas. Con posterioridade os cirurxiáns oculares realizan o resto da intervención, pero coa seguridade que ofrécelles o realizar cortes de tecido cunha gran precisión.

“O noso grao de satisfacción é moi elevado”, afirma o xefe do servizo de Oftalmoloxía do  CHUVI, que engade: “E os resultados nos pacientes son excelentes”.

O paciente só experimenta, mentres actúa o láser no interior do ollo, unha sensación de leve presión, sen aparición de dor algún.

También te puede interesar