Galicia

O paro baixou en Galicia en 22.100 persoas o ano pasado

O paro baixou en Galicia en 22.100 persoas ao longo do ano pasado, o que supón un 10,82% menos que en 2016, segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) que publica este xoves o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Galicia pechou o ano cun total de 182.100 desempregados, 400 máis que ao termo do terceiro trimestre de 2017, que tamén rematou con 16.700 ocupados menos.

A taxa de paro ao final do ano pasado era en Galicia do 14,71%, 1,58 puntos menos que o 16,29% de 2016. Por provincias, os datos subliñan unha diferenza de máis de seis puntos e medio entre Pontevedra que ten a maior taxa de parados, cun 17,76%, e a que ten a menor porcentaxe, Lugo, cun 11,23%. Na Coruña e Ourense é similar, do 13,47% e 13,69%, respectivamente.

A maioría dos parados galegos son pontevedreses, 76.300, e coruñeses,  71.100; pola contra na provincia de Ourense había o ano pasado 17.800 persoas desempregadas e 16.900 na de Lugo.

Así mesmo, na Coruña é onde traballan máis galegos:  456.600, seguida da provincia de Pontevedra con 353.300 ocupados, os  133.500 de Lugo e os 112.400 de Ourense.

También te puede interesar