Cultura Vigo al minuto

Multas de 930.000€ a catro navieiras por imcumprir os cupos autorizados de acceso a Cíes os días 3,5 e 19 de agosto

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de resolver os expedientes sancionadores a catro navieiras por incumprir os cupos autorizados de acceso ás illas Cíes os días 3, 5 e 19 de agosto.

Na resolución impóñense sancións por un importe total de 930.000 euros ás catro navieiras responsables das irregularidades. As multas son, segundo informa a propia consellería, de 600.000€ para Mar de Ons S.L.; 250.000€ para Illa de Ons S.L.; 40.000€ para Tour Rías Baixas S.L., e outros 40.000€ para Cruceiro Rías Baixas S.L.

Con estas resolucións, o Goberno de Galicia pon fin á tramitación do procedemento sancionador que iniciou o pasado 28 de agosto coa incoación de dez expedientes tras as denuncias formuladas polo servizo de gardaría do Parque Nacional das Illas Atlánticas ao detectar que se excedera de forma grave o número de visitas diarias permitidas.

As empresas denunciadas formularon as súas alegacións á proposta de sanción realizada a finais de setembro pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, que foron desestimadas na súa totalidade ao entender que non desvirtúan os feitos denunciados. Así, as resolucións impoñen sancións por un importe de 930.000 euros, a mesma contía proposta inicialmente.

Os criterios que a Consellería de Medio Ambiente sopesou para determinar o importe das multas ás navieiras foron os seguintes: o potencial dano aos valores medio ambientais, a porcentaxe de pasaxeiros non autorizados, así como o volume total dos mesmos, a reincidencia e o beneficio ilícito, tal como establece a Lei 42/2007 de Patrimonio Natural e da Biodiversidade.

En función do grao de incumprimento en base a estes criterios determinouse a sanción a cada unha das navieiras denunciadas, que, nos casos máis graves, como Mar de Ons, se traduciu nun exceso de máis dun 300% sobre o número de pasaxeiros autorizados os días 5 e 19 de agosto; mentres que no da navieira Illa de Ons se superou nun 288% o número de billetes autorizados o 5 de agosto.

También te puede interesar