'Qué te cuentas?' Vigo al día

A UCI do Cunqueiro permite xa que familiares dos pacientes estean cos mesmos preto de 12 horas ao día

O servizo de Medicina Intensiva do Álvaro Cunqueiro abriu as  portas da UCI para que as familias e achegados poidan permanecer co seu familiar hospitalizado a maior parte do día.

Segundo informa o Servizo Galego de Saúde (Sergas), ampliouse o tempo de acceso á Unidade co obxecto de  que os usuarios dispoñan dun horario continuado de case 12 horas diarias.

Esta apertura estaba prevista para inicios do vindeiro ano pero decidiuse adiantar a estas datas de Nadal ante a perspectiva de “poder ofrecer o acompañamento continuado dos pacientes en dias tan sinalados”.

Deste xeito, convértese na primeira UCI de Galicia en ofertar unha franxa horaria ininterrompida de visitas de 12.00 a 23.00 horas. “Esta medida pon fin ás restricións horarias anteriores, que limitaban o acceso a dúas horas ao día –unha na xornada de mañá e outra de tarde-“.

Ademais, institúese a figura do “coidador principal”, familiar ou achegado designado polo paciente que será a persoa clave á hora de acompañar e recibir información sobre o mesmo. Cando o coidador principal o solicite, contémplase tamén a posibilidade de ensinarlle os coidados básicos ao paciente.

Máis dun millar familias ao ano poderán beneficiarse destas medidas, xa que está constatado que o contacto directo e mantido entre familiares e pacientes contribúe a axilizar a recuperación destes últimos e a aportar tranquilidade e seguridade aos seus.

También te puede interesar