Destacados

Novas análises da auga, realizadas por Sanidade, apuntan datos por riba do límite da potabilidade en varios concellos da Área de Vigo

Novas análises realizadas polo Servizo de Control de Riscos Ambientais da Consellería de Sanidade apuntan a que “se superaron os límites establecidos na normativa vixente da auga de consumo humano en varios concellos da área metropolitana de Vigo”.

Os controis preventivos realizados en varios puntos da rede de abastecemento de Vigo, Moaña e Redondela e no Consorcio do Louro confirman que “se superaron os valores máximos consensuados”, segundo as mostras analizadas no Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, único laboratorio público de referencia en materia de saúde.

O resultado do control realizado o pasado día 9, antes das choivas, polos técnicos de Sanidade sinala unha concentración maior da establecida no caso do ferro, con parámetros anormais por encima das 600 partes por billón (PPB), que non coinciden cos reportados á Consellería polas concesionarias municipais encargadas do subministro. Datos que se notificaron os devanditos concellos e as empresas responsables do servizo municipal esta mesma mañá”. 

As últimas analíticas realizadas polos técnicos das xestoras municipais do servizo en Vigo, Moaña, Soutomaior e Redondela indicaban que “os valores de medición da calidade da auga permanecen estables, aínda que no límite de superar os valores máximos permitidos”.

As mostras tomadas polos Farmacéuticos Inspectores de Saúde Pública revelan que “nalgúns puntos dos abastecementos dos devanditos concellos da área territorial de Vigo se alcanzaron ou superaron os valores máximos permitidos, incumprindo algúns dos parámetros que se fixan para garantir a calidade da auga como son a cor, o ferro  e a turbidez (600 partes por billón de ferro, 6 UNF de turbidez e 30 PT-COL/L de cor)”. É o caso das rexistradas en Sanjurjo Badía (634 ppb) e Valladares (1003 ppb) en Vigo, na rede de distribución de Berducedo en Moaña, na de San Esteban en Redondela e na rede de Porriño.

Sanidade lembra que a partir dos parámetros de 200 partes por billón de ferro se deben adoptar medidas correctoras para recuperar a calidade aceptable para a autoridade sanitaria, a partir de 300 esas medidas deben ser de rápida aplicación. En cambio noutros puntos os  rexistros melloraron os niveis de ferro detectados, como é no caso de Canido (568 ppb) ou do concello de Soutomaior.

A xefa do Servizo de Control de Riscos Ambientais indicou que a ausencia dun método de análise de referencia, máis aló da Regulamentación Técnico-Sanitaria que hai que cumprir, xustificaría a disparidade de resultados entre as mostras da concesionaria do servizo e as propias dos técnicos sanitarios da Xunta. En todo caso, subliñou que os controis da Administración autonómica son exhaustivos e contan coa correspondente certificación.

Ditos resultados deberán ser confirmados polas concesionarias municipais con carácter inmediato, co fin de verificar se as analíticas dan por debaixo de ditos límites e, en consecuencia a auga segue a ser apta, pero de baixa calidade. Para iso, estase a organizar unha toma de mostras conxunta entre os técnicos das empresas municipais xestoras dos abastecementos e os Farmacéuticos Inspectores de Saúde Pública, os cales procederán á toma de mostras por duplicado e nas mesmas condicións nunha serie de puntos representativos de ditos abastecementos para o seu posterior análise.

También te puede interesar