'Qué te cuentas?' Sucesos

Detentan erros nos cálculos das pensións na provincia de Pontevedra que causan unha redución de ingresos aos afectados

A CIG detectou a existencia de erros no cálculo das pensións na provincia de Pontevedra que provocan unha redución dos ingresos que por este concepto perciben as persoas afectadas, xa que as bases de cotización da Tesourería Xeral da Seguridade Social non coinciden coas bases reguladoras do cálculo das pensións que fai o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS).

A central xa comunicou esta problemática na comisión executiva provincial do INSS e proximamente farao tamén a nivel estatal a través do organismo correspondente “porque as deficiencias continúan”.

Polo tanto, na CIG agardan que non sexa un novo mecanismo do Goberno español para “reducir de xeito fraudulento aínda máis as xa de por si depauperadas pensións públicas galegas”, que ano tras ano se sitúan entre as máis baixas do Estado e que continuarán a caer como consecuencia tanto da reforma implementada polo Partido Popular en 2013 como da que está a tramitar na actualidade.

Segundo explica o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, os erros no cálculo das pensións detectáronse por primeira vez hai xa tres anos, cando os servizos xurídicos da Unión Local do Porriño atoparon durante a revisión dun expediente diferenzas importantes entre as cantidades que figuraban no informe da Tesourería e as recollidas na resolución final do INSS. A partir de entón todos os casos que se analizan presentan deficiencias similares, o que supón un prexuízo para as persoas afectadas “xa que, curiosamente, sempre se equivocan á baixa”.

Por iso cada vez que se detecta que as cantidades non coinciden a central presenta un escrito reclamando, “e nun prazo de entre 15 días e un mes chega o expediente corrixido”. Con todo, o problema continúa sen solucionarse, “porque cada vez que se revisa algún caso detéctanse erros”. En principio as cantidades que deixan de ingresar as persoas afectadas son pequenas, “mais se sumamos todos os casos seguramente esteamos a falar dun volume importante”.

A CIG xa puxo esta situación en coñecemento do INSS na comisión executiva provincial de Pontevedra, “sen que até o de agora tivesen arranxado nada, xa que cada vez que nós analizamos un expediente aparecen diferenzas entre as cantidades”. Diante disto, a central vese na obriga de facer pública esta problemática e de trasladala a nivel estatal a través do organismo correspondente.

También te puede interesar