Vigo al minuto

Unha operación de aneurisma de aorta abdominal, primeira ciruxía do novo quirófano híbrido do Cunqueiro

O servizo de Anxioloxía e Cirurxía Vascular do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo estreou este martes pasado o novo quirófano híbrido do Hospital Álvaro Cunqueiro.

Nesta primeira intervención, que durou 2 horas e desenvolveuse sen complicacións, colocouse unha endoprótese de aorta a un paciente con aneurisma de aorta abdominal. O paciente evoluciona favorablemente e nos próximos días desta semana xa será dado de alta.

Segundo afirma o xefe de Anxioloxía e Cirurxía Vascular, José Manuel Encisa, que coordinou ao equipo que realizou esta primeira operación cirúrxica  “estamos moi satisfeitos, puidemos corroborar que as prestacións deste equipamento tecnolóxico son espectaculares, cunha calidade de imaxe inmellorable, e permiten realizar unha cirurxía máis rápida, precisa e segura. Sen dúbida, este quirófano supón un gran salto cualitativo tanto para a atención aos pacientes como para o traballo dos profesionais ”.

Nas novas instalacións, o servizo de Cirurxía Vascular prevé realizar máis de 500 intervencións do total das 600 que realiza anualmente.

Cirurxía menos invasiva e segura

O sistema radiolóxico robotizado instalado neste quirófano é o segundo que funciona no mundo con estas características, só existe un en Alemaña.

“Os híbridos son os quirófanos máis avanzados que existen”, asevera o doutor Encisa-“estamos a falar do quirófano máis complexo e avanzado de todos os que hai en España”, dixo, subliñando que os procedementos que permite rebaixan aínda máis o risco e a duración deste tipo de intervencións cunha cirurxía menos invasiva e ofrece unha imaxe de altísima calidade ao multiplicar por sete a potencia dos equipos portátiles.

Trátase dunha sala dotada dun arco de radioloxía de altas prestacións e que se reprega cando non é necesario. Coa súa maior resolución de imaxe, permitirá resolver as operacións máis complexas en menos tempo e reducir así a exposición á radiación de pacientes e profesionais. Tamén posibilita a integración de imaxes de TAC realizadas previamente e o desenvolvemento de técnicas máis complexas.

 

También te puede interesar