Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

84 alumnas e alumnos de Medicina cursan nos hospitais de Vigo o seu último ano de estudos

O curso universitario comezou este luns na área sanitaria de Vigo, coa chegada de 84 alumnos e alumnas que realizarán o seu último ano do Grao de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela nos hospitais e nos centros de saúde vigueses.

Ata o vindeiro 20 de abril, recibirán formación universitaria en sete materias:  Clínica Médica, Clínica Cirúrxica, Clínica Obstétrica e Xinecolóxica, Clínica Pediátrica, Clínica Psiquiátrica, Medicina Familiar e Comunitaria, e Urxencias e Servizos Centrais.

A Área Sanitaria de Vigo conta, na actualidade cun coordinador de Docencia de Grao, o doutor Fernández Lorenzo, sete coordinadores en cada unha das materias que se imparten ao longo do curso, 24 profesores asociados, e 463 colaboradores docentes.

O curso que comeza é o primeiro no que soamente haberá alumnos de Grao de Medicina, xa que ata o ano pasado convivían con aqueles que estudaban o último ano da antiga licenciatura de Medicina, anterior ao Plan Bolonia.

“A actividade docente é fundamental para unha organización como a nosa”, sinala o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Félix Rubial, que engade: “Forma parte das liñas de actuación que se inclúen no noso Plan Estratéxico, como un dos piares xunto á atención ao paciente, os profesionais ou a investigación”.

No seu discurso de benvida, Rubial exhortou aos estudantes a que aproveiten este tempo e se aproveiten da gran experiencia coa que contan os docentes cos que van pasar os próximos meses. Animoulles a participar e a preguntar e lembroulles que o paciente é o máis importante. “Actuade con cabeza, pero sobre todo con corazón”, dixo, tras resaltar que o período que agora comezan esixe implicación e participación activa na formación.

Félix Rubial salientou a importancia que a área sanitaria viguesa outorga á formación. “Preto de 500 facultativos, o que supón seis por cada alumno ou alumna, compoñen o maior volume de profesorado e colaboradores docentes que hai en Galicia”, suliñou.

También te puede interesar