O vindeiro luns 11 de setembro comezarán en Galicia as clases nos ciclos de Infantil, Primaria e Educación Especial para 197.364 escolares, o que supón un 0,7% menos ca no curso 2016/17, segundo os datos provisionais recompilados polos servizos estatísticos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. De todos eles, dacordo cos mesmos datos, 138.987 estarán en centros públicos, preto do 70,5%, 55.505 en centros concertados, o 28,12, e o resto, 2.872, menos dun 1,4%, a colexios privados.
Educación Infantil
Segundo estimacións do Goberno de Galicia, 60.339 alumnos comezarán o luns as clases nas aulas de Educación Infantil, o que supón un 2,4 % menos ca no curso 2016/17. Deles 42.106 en centros públicos, 16.842 en concertados e 1.391 en colexios privados
Por outra banda, as mesmas previsións que manexa a Consellería indican que 137.022 alumnos tamén comezaran o luns as clases de Educación Primaria en Galicia, o que supón practicamente a mesma cifra ca no curso anterior. Exactamente, 96.202 alumnos son de centros públicos, 37.948 de colexios concertados e 2.872 estudantes irán a centros privados.
Educación especial
No que atinxe á educación especial, o número estimado de matriculados para este curso é de 1.394, un 0,6 % máis ca no curso 2016/17.