Vigo al día

A candidatura de Cíes a Patrimonio da Humanidade, sobre rodas

O alcalde asinou este xoves un convenio co director xeral de Avanza, Valentín Alonso, un acordo para o desenvolvemento de accións de promoción das Illas Cíes como candidata a Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

En declaracións aos medios, Abel Caballero agradeceu e recoñeceu a participación de Avanza na candidatura das Illas Cíes a través deste convenio, un obxectivo que está a portar unha promoción “excepcional”.

En virtude do acordo asinado, a empresa rotulará dous autobuses da liña Vigo-Madrid coa imaxe do arquipélago e o lema “Illas Cíes: Obxectivo Patrimonio da Humanidade”. No interior, o vehículo emitirá o vídeo promocional da candidatura e portará imaxes das illas nos reposacabezas de todos os asentos.

Amais, segundo explicaron ante os medios de comunicación, imaxes das Cíes cubrirán o túnel que comunica a estación Sur de Madrid co metro e o tren de proximidade. O Concello, a quen este acordo non lle conleva compromiso económico, facilita todo o material gráfico e promocional a Avanza.

De dous meses de duración, esta campaña engádese ás accións de promoción que impulsa o Concello para a candidatura das Illas Cíes a Patrimonio da Humanidade, proceso que o goberno vigués ten iniciado en 2013.

O alcalde lembrou que as festas de Vigo deste ano levan o lema “Illas Cíes: Obxectivo Patrimonio da Humanidade” e a recente sinatura do convenio co Campus do Mar, liderado pola Universidade de Vigo, para avalar os contidos científicos da candidatura.

También te puede interesar