Comarcas

Redondela aposta pola compostaxe iniciada polos veciños e impulsada dende o Goberno local

Este xoves de 10:30 a 13:30, no centro de compostaxe comunitaria de Redondela, situado na zona do Salgueiral, fíxose entrega da primeira remesa de compost a tódalas persoas que están a depositar os residuos orgánicos dos seus fogares neste punto.

Este proxecto iniciouse no mes de novembro do ano pasado grazas á participación, implicación e sensibilidade de varias persoas desta zona que están concienciadas á hora de xestionar a fracción orgánica dos residuos que xeran nos seus fogares.

“A día de hoxe estamos a ver os primeiros resultados, obtendo un compost de calidade para devolver á terra como nutrinte e substrato fértil para as hortas, xardíns ou macetas”, sinala o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Ángel Álvarez.

Todo o proxecto e o logro desta primeira remesa de compost non sería posible sen a colaboración de todas estas persoas, polo que dende o Concello de Redondela e concretamente dende o Departamento de Medioambiente as felicitan pola súa concienciación e participación.

Hoxe mesmo tamén fíxose entrega duns funís para a reciclaxe de aceites de cociña e uns cinceiros portátiles para praia e campo, para evitar a importante contaminación que provocan tanto o aceite que tiramos polas pías, como as cabichas cando se tiran ao chan, ríos ou praias.

Por outra banda, o venres día 21 -feira en Redondela-, tamén no mesmo horario, farase entrega á veciñanza de mostras de compost para concienciar a cidadanía da necesidade de xestionar por nós mesmos a materia orgánica que xeramos.

“Todo o residuo orgánico que estamos a tirar nos contedores de lixo ten como destino a incineración co conseguinte custe económico e impacto medioambiental que iso conleva. Xestionar os residuos orgánicos alí onde se producen, nos nosos fogares, é a mellor maneira de minimizar custes, impacto ambiental e de conseguir un produto útil, valioso e de calidade como é o compost. Pasamos de ter un residuo a obter un produto, sen custes e sen contaminación”, subliña o concelleiro de Medio Ambiente.

También te puede interesar