Vigo al minuto

@carmelasilva presenta en Vigo o Festival SinSal, que terá coma escenario San Simón do 20 ao 23 de xullo

Carmela Silva presentou este mércores en Vigo unha nova edición dun dos #RíasBaixasFests máis “máxicos”: o SinSal Son Estrella Galicia, que este ano esgotou as súas entradas nun tempo récord, unha vez máis, sen que se coñeza o seu cartel.

SinSal terá lugar entre os días 20 e 23 de xullo na Illa de San Simón, no concello de Redondela. Na rolda de prensa tamén estiveron presentes representantes da organización do Festival, a concelleria de Cultura de Redondela, Teresa París, do departamento de Igualdade da Universidade de Vigo e das empresas promotoras do evento.

A presidenta da Deputación subliñou o alto “compromiso” do Festival SinSal pola Igualdade, xa que “ten unha grande aposta pola visibilización das mulleres, no ámbito do seu propio persoal de produción e tamén en canto ás artistas que participan”, pero especialmente “con proxectos específicos nos que as mulleres teñen un papel protagonista como artistas e como deseñadoras de proxectos de igualdade” en colaboración coa Universidade de Vigo.

Silva salientou que “desde a institución provincial estamos facendo unha labor prioritaria para poñer en valor os nomes das artistas das Rías Baixas, particularmente no mundo do audiovisual onde hai mulleres moi potentes que gañan premios en todos os festivais de cine internacionais pero cuxas caras e nomes todo o mundo descoñece”. Do mesmo xeito, agradeceu “profundamente que se faga do lado da Universidade, porque aí reside o talento e é intelixente telo en conta para que teña repercusión global na sociedade”.

Carmela Silva, que asegurou que SinSal é “máxico”, afirmou que “é un deses festivais que se fan na nosa provincia que contempla e ten contidos nos que se atopan todos os conceptos que resumen os #RíasBaixasFests: talento, cultura, vangarda, excelencia e autenticidade” e que “nos sorprende ano tras ano dando pasos cara a adiante”.

A presidenta asegurou que “a provincia de Pontevedra tense que converter nun espazo de referencia a nivel galego, nacional e internacional, un lugar especial con moita capacidade para pór en marcha proxectos potentes”. Neste eido, salientou, “a industria musical xoga un papel fundamental”.

Silva lembrou que “os impulsores de SinSal, Luís Campos e Julio Gómez, foron unhas das primeiras persoas que viñeron formular un proxecto para as Rías Baixas aos poucos días de ser a presidenta da Deputación, porque sabían que nesta provincia hai un enorme potencial de industria e de talento propio con moita capacidade de proxección” e que “as administracións debiamos sumarnos creando sinerxías”. Deste xeito, salientou, “son unha parte moi importante dos #RíasBaixasFests”.

Co Festival SinSal, asegurou Carmela Silva, “todas as persoas que asisten non deixan de ser inmensamente felices, compartindo ademais de cultura e talento unha paisaxe espectacular onde abundan as moi boas vibracións, transformando un espazo como é a Illa de San Simón cuxa historia sempre estivo ligada a feitos terribles”.

Este ano o Festival SinSal desenvolverá unha versión reducida o xoves 20, para un máximo de 200 persoas, ademais de promover un proxecto de libre circulación co festival portugués Milhões de Festa de Barcelos e de integrarse nos eixes transversais promovidos desde a Deputación de Pontevedra para a visibilización das mulleres e para a xestión dos residuos.

También te puede interesar