Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

30.000 tarxetas de doantes de órganos, desafío do novo coordinador de transplantes da Área Sanitaria de Vigo

O especialista en Medicina Intensiva do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI),  Lucas Lage Cendón, ven de ser nomeado coordinador de transplantes da Área Sanitaria de Vigo, segundo a resolución asinada que resolve a convocatoria pública para a provisión do posto. A resolución da Xerencia, que se publica hoxe, prodúcese de acordo coa proposta de designación realizada pola Comisión de Avaliación constituída ao efecto.

O doutor Lage pertence á OCT do Chuvi dende hai 9 anos e conta cunha dilatada experiencia nese campo. De feito, xa exercía as funcións de coordinador no antigo Hospital Xeral. A finalidade da convocatoria foi, por tanto, proceder á designación dun único coordinador de transplantes na Área Sanitaria de Vigo, dentro da política de integración de persoal que se está levando a cabo en moitos servizos e unidades.

O novo coordinador de transplantes do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo  ten como encargo da Xerencia a integración definitiva dos recursos existentes co fin de acadar un alto grao de competencia e actividade nesta función.

Doadores

O obxectivo que se ten marcado é aumentar o número de doadores. En 2016 logramos superar o teito que había no Chuvi, con 28 doadores de órganos nun ano”- sinala o doutor Lage – “con todo, seguimos nunha porcentaxe moi elevada en negativas familiares, ao redor dun 26 por cento, moito máis alto que na maioría das comunidades autónomas, unha tendencia que temos que reverter entre todos e para o que imos traballar dende a parte asistencial pero tamén coa concienciación da cidadanía ”.

Nese sentido, Lucas Lage considera que “calquera iniciativa que sirva para concienciar á poboación dos beneficios de doar órganos é benvida”, en referencia á campaña “Reto 30.000” que se presentou a semana pasada e que pretende alcanzar esa cifra de tarxetas de doadores a finais do presente ano na área sanitaria de Vigo.

Na actualidade hai na área viguesa, segundo os últimos datos con data 1 de xuño, 27.918 tarxetas de doadores e doadoras, das que 17.385 pertencen a Vigo.

También te puede interesar