Galicia

Este luns, día 3 de xullo empeza a campaña de vacinación para adultos contra a pneumonía

Este luns, 3 de xullo, ponse en marcha a vacinación coa antipneumocócica conxugada trecevalente, no marco do novo calendario de vacinación de adultos. Está indicada para previr doenzas como a pneumonía e a meninxite, entre outras, e recoméndase a toda cidadanía galega nada a partir do 1 de xaneiro de 1952, segundo vaian cumprindo 65 anos, cunha dose única.

Os interesados en vacinarse deben pedir cita no seu centro de saúde polos mecanismos habituais ou poñerse en contacto co seu centro de vacinación, onde lle informarán de como e onde solicitar a cita.

Galicia é a cuarta comunidade autónoma en iniciar a vacinación poboacional antipneumocócica en adultos, despois de Madrid, Castela e León, A Rioxa, e a cidade autónoma de Melilla.

O obxectivo é acadar unha cobertura do 60% na poboación de 65 anos, o que suporía vacinar a case 20.000 persoas desa idade. A Consellería de Sanidade estima que, grazas a esta medida, se producirá unha diminución de casos da enfermidade pneumocócica, que podería chegar ata 2.600 casos menos nun prazo de cinco anos, e tamén unha diminución de ata 1.400 ingresos nese mesmo período.

Calendario vacinal adulto

O novo calendario de vacinación recolle as recomendacións xerais para a poboación adulta especificando catro grupos de idade; ata 35 anos, de 36 a 49, de 50 a 59 e 60 ou máis, no marco do compromiso do Goberno galego coa promoción e protección da saúde da cidadanía galega.

O seu obxectivo é aumentar as coberturas de vacinación na poboación adulta galega e contribuír a un maior coñecemento das indicacións e beneficios das vacinas para toda a cidadanía, xa que ten un efecto directo nunha maior saúde da poboación, benestar e produtividade social e supón un importante aforro de recursos asistenciais. Polo tanto,  debe incorporarse á actividade diaria das consultas de adultos de xeito que se poida manter un envellecemento saudable, xa que a vacinación non é unha actividade preventiva exclusiva da infancia.

Actualmente en Galicia xa se viña vacinando a adultos en situacións determinadas (como a campaña da gripe ou a vacinación para embarazadas). O novo calendario agrupa e sistematiza as indicacións de vacina en poboación adulta, incluíndo á poboación sa.

Estas indicacións valoran o risco individual de cada persoa, así como o estado de vacinación previo. Moitos adultos non foron vacinados ou descoñecen totalmente o seu estado, polo que esta iniciativa recolle consideracións como a data de inicio dos calendarios e a introdución das novas vacinas ao longo do tempo, a epidemioloxía das enfermidades, ou a realización de campañas extraordinarias de vacinación no pasado, entre outras, para axudar a tomar o profesional unha decisión sobre a conveniencia de vacinar a unha persoa concreta.

También te puede interesar