Vigo al minuto

@MareaVigo pide ao Goberno local que aclare se os ‘Vitrasas’ teñen operativa a rampla adaptada

O Grupo Municipal da Marea de Vigo denuncia que vai facer un ano que o Concello anunciou unha instrución especial para regular o acceso das persoas que empregan cadeiras eléctricas tipo “scooter”, instrución anunciada por Abel Caballero como “unha prioridade non só en Vigo senón tamén a nivel do Estado, que defendería como presidente da FEMP”, mais nada se fixo a esta altura.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo non ten constancia de ningunha orde especial nin modificación do servizo de transporte urbano.

O concelleiro da Marea Xosé Lois Jácome, lembra que “non se trata de dispor dun servizo a demanda a través de autobuses especiais para persoas con mobilidade reducida (os PMR), xa que, se realmente é certo que o 68% dos autobuses de Vitrasa contan con rampla manual e dende decembro de 2005 moitos con rampla eléctrica, non se entende que moitos usuarios de cadeiras eléctricas teñan denunciado a imposibilidade de subir en moitos autobuses de diversas liñas da cidade.” No entanto Marea de Vigo non entende que haxa tantas denuncias por parte das persoas usuarias se foran certos os anuncios do Concello e da concesionaria ao respecto, onde se di que a maioría da flota xa está dotada do sistema de rampla eléctrica.

Jácome, considera ademais que “é absolutamente necesario que todos os autobuses estean equipados co sistema eléctrico e non manual debido aos tempos impostos pola empresa aos condutores; a súa baixada, ademais de atrasar, trátase dunha función a maiores das que teñen asignadas, que con toda seguridade, non está reflectida nas súas condicións laborais nin en materia de saúde laboral”.

Por outra banda, ao Grupo Municipal da Marea de Vigo non lle estraña esta situación, perfectamente coherente cun Goberno Municipal para o que unhas escaleiras mecánicas axudan á mobilidade, cando, para unha persoa que use cadeira de rodas, estas resultan completamente inútiles.

También te puede interesar