Galicia

@Xunta lanza un novo programa de emprego que permitirá contratar 10.000 mozos

O presidente do Goberno de Galicia adiantou este xoves, na rolda de prensa do Consello, a posta en marcha dun novo programa que, cunha achega de 90 millóns de euros, impulsará a formación e a contratación de 10.000 mozos e mozas menores de 30 anos.

Co obxectivo central de mellorar a capacitación dos mozos e abrirlles a porta de acceso ao mercado laboral, Feijóo precisou que esta iniciativa pretende ademais: identificar saídas laborais para os novos perfís profesionais e as novas demandas do mercado; contar con profesionais cualificados en dous sectores clave para Galicia, como son a Industria 4.0 e a agroalimentación, axudar ao tecido empresarial galego a gañar competitividade e incentivar aos mozos a que queden a vivir e a traballar en Galicia.

O proxecto, que se vai desenvolver ata 2020, combinará dúas fases: formación e contratación.

Na fase de formación, á que se destinarán 20 millóns de euros, financiarase o 100% dos cursos para desempregados menores de 30 anos, impartidos nos 12 centros de emprego da Xunta e no Centro de Novas Tecnoloxías de Santiago, no que se desenvolverán os cursos de especialización para a Industria 4.0.

Na fase de contratación, e co obxectivo de que as empresas conten cos mozos galegos e que estes se sigan formando mentres traballan, a Xunta creará 10.000 bonos de formación e contratación dotados con 7.000€ cada un.

Sobre este punto, o presidente precisou que cada un destes bonos contará cun incentivo de 5.000€ para a empresa por cada mozo ou moza contratado por un período mínimo dun ano, e un bono de formación de 2.000€ para que cada mozo poida seguir formándose no seo da empresa.

Para elixir ás empresas participantes, a Administración autonómica realizará unha convocatoria aberta na que se terán en conta os seguintes criterios: estabilidade laboral -que máis do 60% dos empregados sexan indefinidos-; ter contratado con anterioridade a mozos menores de 30 anos, dispoñer de estratexia empresarial en materia de RSE e contar con certificacións neste eido ou plans de igualdade.

Durante a rolda de prensa, o presidente do Goberno galego afirmou que a dobre dimensión deste “programa pioneiro”, con formación e contratación, aumentará as habilidades e coñecementos de todos os participantes e axudaraos a dar os seus primeiros pasos no mercado laboral.

Feijóo concluíu afirmando que con este novo programa se dá un paso máis para consolidar a tendencia positiva reflectida na EPA e para reducir a taxa de desemprego dos mozos. “E avanzamos na Axenda 20 para o emprego que ten, entre outros obxectivos: crear 100.000 novos empregos” recordou.

También te puede interesar