Os xulgados galegos recibiron o ano pasado 5.683 denuncias por violencia de xénero, o que supón un 9 % máis con respecto ao ano anterior, cando se presentaron 5.210. A maior parte dos casos –4.303- chegaron aos xulgados a través de atestados policiais con denuncia da vítima. Segundo os datos estatísticos feitos públicos hoxe polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, en Galicia aparecen como vítimas 5.104 mulleres en 2016.
Ao longo do ano pasado, 314 mulleres acolléronse a dispensa da obriga legal de declarar, o que supón un 5,5% do total: en comparación con 2015, esta cifra aumentou preto dun 10%.
O número de ordes e medidas de protección solicitadas en 2016 nos xulgados galegos foi de 1.693, das que se adoptaron 1.134, o que supón un 22 % máis de medidas concedidas que en 2015.