Ciencia y Tecnología Vigo al día

Os traballadores do Albergue Municipal de Vigo presentan unha demanda xudicial contra Cruz Roja

Os traballadores do albergue municipal de Vigo veñen de presentar unha demanda xudicial colectiva contra Cruz Roja despois de que a ONG, adxudicataria da xestión do centro, lles comunicase a súa intención de “modificar substancialmente as condicións de traballo e de non aplicar o convenio colectivo que regula o sector”.

Segundo explica a delegada de persoal do Centro Integral de Inclusión e Emerxencia Social (CIIES), da CIG, os problemas laborais comezaron pouco despois de que Cruz Roja resultase adxudicataria da súa xestión o pasado 11 de novembro por un importe cercano aos 3,7 millóns de euros. Esta ONG encárgase do servizo a través das súas asembleas Comarcal e Provincial.

A representante dos traballadores sinala que Cruz Roja, dende a súa entrada no CIIES -situado na rúa Marqués de Valterra o popularmente coñecido coma ‘Albergue Municipal’- o pasado 1 de decembro, mantén un pulso cos empregados despois de que solicitasen por escrito a información necesaria para aclarar as condicións de subrogación do actual cadro de persoal.

“Ao contrario do que agardabamos, e tras un período de silencio, a ONG responde convocando aos traballadores a acudir á súa sede comarcal de Vigo para presentarlles un documento cuxa forma non se axusta á legalidade e que ratifica o non cumprimento das condicións de subrogación”.

Diante disto o cadro de persoal, integrado por máis de 20 persoas, decide presentar unha demanda xudicial colectiva por modificación substancial das condicións de traballo, que inclúe a negativa a aplicar o convenio colectivo que regula o sector, “do que Cruz Roja é asinante como membro da Asociación Estatal de Organizaciones y Acción e Intervención Social (OIES)”.

Ao mesmo tempo, o conxunto dos traballadores do albergue municipal quere deixar moi claro que “a pesar da presión exercida polo xigante do terceiro sector” sobre un cadro de persoal que forma parte dun servizo “especialmente sensíbel” e que atende “os casos máis extremos de vulnerabilidade” que se producen na cidade, “os empregados reiteran o seu compromiso co centro e con todas as persoas que acuden a el”.

Finalmente, anuncian a súa intención de adoptar todas as medidas que, dentro da lei, consideran oportunas para protexer os dereitos adquiridos polos empregados ante os “abusos” da coñecida ONG.

También te puede interesar