Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

O doutor Betances, residente no Complexo Hospitalario de Vigo, primeiro becario da Sociedade Europea de Laringoloxía

Un médico residente de último ano do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI)  é o primeiro en conseguir unha bolsa da Sociedade Europea de Laringoloxía para formarse en cirurxía robótica en Madrid. O doutor Frank Betances, que realiza a especialidade no Servizo de Otorrinolaringoloxía, obtivo a bolsa tras os traballos presentados no último congreso europeo da Sociedade.

“É a primeira vez que alguén en España consegue esta axuda da Sociedade Europea, dentro dun programa para incentivar a formación dos médicos residentes”, explica o doutor Betances.

A formación está dirixida á aprendizaxe do manexo do sistema de cirurxía robótica Da Vinci, que é unha plataforma deseñada para optimizar a cirurxía por abordaxes de mínima invasión. “O Da Vinci permite aos cirurxiáns realizar as intervencións máis complexas e delicadas mediante pequenas incisións ou a través de orificios naturais cunha precisión sen precedentes”, relata.

Trátase dun sistema exclusivo e dun custo de adquisición moi elevado, por encima do millón e medio de euros. Na actualidade só 24 centros sanitarios de España, tanto públicos como privados, dispoñen dun sistema destas características.

O sistema Da Vinci inclúe 4 brazos robóticos equipados con instrumentos cirúrxicos que son controlados polo cirurxián desde unha consola a curta distancia do paciente, permitindo a instrumentación robótica de procedementos cirúrxicos en diversas especialidades: Uroloxía, Ginecoloxía, Otorrinolaringoloxía, Cirurxía Xeral e Dixestivo, e Cirurxía Torácica.

Tradicionalmente o tratamento cirúrxico dos tumores de vía aerodixestiva superior realizábase só por cirurxía aberta. Hai xa uns anos a cirurxía endoscópica laser fixo posible a abordaxe de moitas lesións a través da boca. Na actualidade a cirurxía asistida por robot supón un avance tecnolóxico respecto destas técnicas e mellorou de forma importante as posibilidades de abordaxes minimamente invasivas na cirurxía oncolóxica faringolarínxea.

Cirurxía Robótica Transoral

O doutor Betances aclara que “xa no ano 2012 iniciouse o programa de cirurxía robótica no Hospital Universitario Rey Juan Carlos e dentro do mesmo participa o Servizo de ORL mediante un programa de Cirurxía Robótica Transoral (TORS) co robot cirúrxico Da Vinci”. A TORS defínese como a intervención realizada a través da cavidade oral con polo menos tres brazos robóticos.

La TORS utilízase en tratamento cirúrxico de dúas patoloxías: cancro de cabeza e pescozo: orofarinxe (amígdala na base da lingua), hipofarinxe e larinxe; e apnea do soño.

O doutor Frank Betances, que é un dos poucos expertos que hai en Galicia en patoloxía da voz, considera que “o Servizo de Otorrinolaringoloxía do Chuvi ten un nivel excelente, como o demostran os seus traballos nos últimos anos, e actualmente colabora co servizo de Neurocirurxía para desenvolver unha unidade específica de cirurxía de base de cranio anterior”. 

También te puede interesar