Vigo al minuto

@galizaCIG convoca este mércores unha manifestación en Vigo para a recuperación dos dereitos laborais perdidos

A CIG convoca para este mércores, día 15 de febereiro, mobilizacións, en todas as comarcas de Galicia (en Vigo ás 20:00 h. dende a Dobrada), pola recuperación dos dereitos perdidos en materia de contratación, xornada, despedimentos, negociación colectiva, prestacións por desemprego, de Seguridade Social e mesmo de liberdades públicas. Unha campaña que se iniciou coa manifestación nacional en defensa do sistema público de pensións e que ten como obxectivo presionar ao parlamento español para que todas as contrarreformas impostas, fundamentalmente polo PP, so pretexto da crise sexan derrogadas.

As consecuencias destas reformas, sinala a central, as está vivindo hoxe a clase traballadora moi directamente porque “perdeu poder adquisitivo, condicións laborais e mesmo estabilidade no emprego. Xerou moita máis división dentro da clase traballadora. Está creando unha masa de traballadores que se incorporaron ao mercado laboral con bastante peores condicións que as que tiña a xeración anterior”.

Nese sentido alerta de que a figura do asalariado pobre hoxe é unha realidade. “Normalmente a xente que tiña un emprego, tíñao nunhas condicións laborais que lle permitían ter unha vida minimamente digna, dependendo do sector no que traballara mellor ou peor. Pero desde logo iso de asalariado e pobreza, non estaba asociado como comeza a estar agora, sobre todo no caso dos mozos e mozas que se incorporan ao mercado laboral, cunha precariedade absoluta”.

También te puede interesar