Galicia

Amplo seguimento da folga convocada pola CIG nos centros de chamadas de Galicia

A xornada de folga convocada pola CIG nos centros de chamadas do país para reclamar un convenio colectivo digno no sector está a rexistrar novamente un “amplo seguimento”, segundo os sindicatos.  Coincidindo co paro, centos de traballadores mobilizáronse en Vigo, A Coruña e Lugo en defensa das súas condicións laborais.

Os representantes dos traballadores decidiron promover o paro despois de que na última xuntanza da mesa de negociación do convenio, celebrada o pasado 11 de xaneiro, a patronal retirase as súas propostas de subida salarial –“para manter os custes baixos”- e de horas médicas –“para que quede como está”-.

A medida de presión está a ter novamente un amplo seguimento por parte do sector, que secundou a folga de xeito similar a anteriores convocatoras e participou nas mobilizacións que tiveron lugar en Vigo, A Coruña e Lugo. Nas dúas primeiras cidades as protestas consistiron nunha manifestación, mentres que no caso de Lugo celebrouse unha concentración diante das instalacións da empresa Abante BPO.

En Vigo, o punto de saída foi a Praza dos Cabalos e o remate na delegación da Xunta, onde interveu a responsábel da CIG no sector dos centros de chamadas, Laura Pérez Figueroa. A representante sindical repasou os principais motivos da convocatoria e apostou por seguir coas mobilizacións até lograr un convenio colectivo digno que respecte as condicións laborais.

También te puede interesar