Ciencia y Tecnología

2016 foi un ano cálido e humido en Galicia cunha temperatura media de 14 graos

Galicia rexistrou durante o 2016 unha temperatura media de 14ºC, case medio grao por riba dos valores agardados. Así, o destaca Meteogalicia no seu informe climatolóxico correspondente ao ano pasado. O estudo sinala, ademais, que foi un período húmido, cun aumento do 16% sobre a media de precipitacións recollidas nos últimos 30 anos. As cifras contrastan co ano 2015, que foi un 25% inferior.

No informe –que se pode consultar en www.meteogalicia.es-, indícase que tivemos un comezo de ano moi chuvioso, pero extremadamente cálido e un mes de xullo con algunhas noites tropicais, que non baixaron dos 20 graos, principalmente nas Rías Baixas. Ademais, o número medio de días de chuvias nese mes foi de 1,2, que o converteu no xullo más seco dende 1986.

A tendencia das altas temperaturas mantívose durante a primeira quincena de agosto. O resto de mes caracterizouse polos fenómenos tormentosos, que deixaron en Galicia un total de 8.777 raios, unha cantidade maior que a suma dos raios dos agostos dos últimos seis anos. Concretamente, na xornada do 24 contabilizáronse 6.359. Foi a provincia de Lugo onde a rede de medición de Meteogalicia rexistrou o maior número de raios.

O 2016 pechouse con acusadas inversións térmicas con temperaturas máximas elevadas e mínimas moi baixas nas noites despexadas.

No capítulo de precipitacións acumuladas, cabe sinalar a desigual distribución das mesmas o longo do ano, cun primeiro semestre moi húmido e un segundo moi seco. Así, o informe climatolóxico de Meteogalicia constata un inicio de 2016 extremadamente chuvioso, cun nivel de precipitacións un 142% por riba do normal.

Pola contra, o último mes do ano destacou polo escaso número de días de chuvia, que nalgunhas localidades acadou os mínimos históricos para este mes.

También te puede interesar