A folga indefinida convocada na empresa Alonarti Envases do Porriño polo despedimento dun afiliado da CIG chegou este venres á súa cuarta xornada cun seguimento total por parte do persoal de fábrica. O paro continuará tamén durante a fin de semana, e un grupo de traballadores fará garda diante das instalacións da compañía para evitar que desvíe a produción á planta que ten en Portugal.
O 100% dos empregados de fábrica secundan a folga indefinida iniciada o pasado martes en Alonarti Envases para rexeitar o despedimento dun afiliado da CIG, unha decisión coa que a empresa busca “amedrentar o cadro de persoal de cara á inminente negociación do convenio colectivo”. Como consecuencia, o único departamento con actividade é o de administración, no que entraron a traballar os dous delegados do comité pertencentes á UGT, sindicato que non apoia o paro.
Neste tempo, os empregados de fábrica desenvolveron concentracións ás portas da compañía, situada no polígono porriñés das Gándaras, coincidindo cos cambios de quenda (6.30, 14.30 e 22.30 horas). Ademais, durante a fin de semana permanecerán de garda diante das instalacións para impedir que a empresa desvíe a produción á planta que ten en Portugal.