Comarcas Vigo al día

O Corredor do Morrazo abrirá ao tráfico a finais de febreiro e ata enton haberá máis barcos entre Moaña e Vigo

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda avanzou este mércores que o Corredor do Morrazo reabrirá ao tráfico o treito pechado, entre Rande e Meira, a finais do mes de febreiro e, ata entón, se incrementarán as frecuencias do servizo de barco entre Moaña e Vigo.

Así, o trasladou , Ethel Vázquez na reunión que hoxe mantivo coa alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, e o alcaldes de Cangas, Xosé Manuel Pazos, e Bueu, Félix Juncal, para informalos dos avances nos desmontes das obras de construción da Autovía do Morrazo.

Na xuntanza, na que tamén participou o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, os técnicos da Xunta explicaron que no primeiro período de corte, entre o 2 de novembro e o 20 de decembro, as voaduras nos treitos I e II desenvolvéronse de xeito continuo e a un ritmo moi intenso, con labores en domingos e festivos. Iso fixo posible que, nestes momentos, os desmontes do treito I estean xa executados nun 88 %. e quedarán rematados a finais deste mes de xaneiro.

Así mesmo, concretaron que actualmente se está a traballar nos dous desmontes principais do treito II e un deles afecta a un noiro de case 60 metros de altura e cunha composición inestable. E isto fai necesario manter o tráfico pechado para realizar as voaduras en condicións de plena seguridade para os usuarios e os traballadores.

A conselleira de Infraestruturas indicou que a construción da Autovía do Morrazo é unha obra complexa tanto súa planificación como na súa execución  e a construción debe afrontar “o desmonte dun noiro do tamaño dun edificio de 20 plantas cun comportamento do terreo irregular e desprendementos difíciles de controlar”.

A titular de Infraestruturas do Goberno galego expresou as súas desculpas polas molestias que este peche está a causar aos veciños do Morrazo e o compromiso de poñer todos os medios para minimizar a afección. Con ese obxectivo, avanzou que, de forma inmediata, se incrementarán as frecuencias do barco, tanto a primeira hora, é dicir, de 7 a 9 da mañá, como a última hora da tarde, de 19 á 21 horas, co fin de dar un bo servizo do transporte público, ademais de solicitar un reforzo do servizo de ambulancias.

A responsable de Infraestruturas salientou que o obxectivo da Xunta é que “os veciños desta comarca dispoñan, canto antes, dunha autovía libre de peaxe que vertebre todo o Morrazo”. A Autovía do Morrazo é a infraestrutura viaria con maior dotación orzamentaria da Xunta en 2017 e supón un investimento total de 55 millóns de euros.

También te puede interesar