Vigo al día

Denuncian o caos de circulación no Cunqueiro nas horas punta

A federación de Saúde da CIG vén de reclamar a dotación de máis zonas de aparcamento nos arredores do hospital Álvaro Cunqueiro para rematar co caos de tráfico que se produce nas horas punta. Dende a central denuncian que os problemas de circulación que padecen persoal e pacientes son “consecuencia da mala organización dos accesos e do afán de negocio do modelo de xestión escollido polo PP”.

A CIG-Saúde volve incidir na necesidade de poñer fin dunha vez á “caótica situación que se vive nos accesos ao Cunqueiro a causa da escaseza de aparcamentos”, xa que as prazas existentes que non son suficientes para facerlle fronte ao volume de tráfico xerado polos traballadores e usuarios nas horas punta.

“A falta de previsión na organización dos accesos e o afán de negocio do modelo escollido polo Partido Popular para facer este hospital público provocan que nas horas de entrada e saída dos profesionais se xeneren colas que chegan até a estrada Clara Campo Amor, dificultando o acceso tanto dos particulares como do transporte público e das ambulancias. Esta situación repítese a diario sen que nin a actual Xerencia ni a concesionaria sexan capaces de darlle solución, nin plantexando unha nova reordenación do tráfico nin ofrecendo alternativas de aparcamento”, indican.

Así, pregúntanse por que certas zonas da contorna do hospital que foron usadas durante a súa construción seguen pechadas sen ningún uso, mentres que outras están dedicadas a espazos verdes. “Estes espazos ben poderían ser acondicionados como zonas de aparcamento público e gratuíto, incluso cun equilibrio que respectara as zonas verdes excluíndo certas zonas ou combinándoas, evitando así o gasto público que supón que sexa o Concello o que teña que acondicionar unha nova zona cando xa hai espazos dispoñíbeis para este fin”, sinalan.

También te puede interesar