RGPD - Cookies
Comarcas

En verán estarán en execución todas as actuacións no Corredor do Morrazo

A conselleira supervisou este xoves as obras do Corredor

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, supervisou este xoves as obras da Autovía do Morrazo, onde salientou que o Goberno de Galicia licitará mañá o terceiro tramo, entre o enlace de Meira e o primeiro enlace de Cangas, coa fin de que no verán estea en execución a totalidade das actuacións.

A conselleira,, acompañada polo director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, concretou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) e a Plataforma de Contratación da Xunta publicará mañá a contratación das obras deste treito de case 4 km por un importe de 18,2 millóns de euros.

O Executivo autonómico xa ten en obras os dous primeiros treitos da autovía, para o que foi preciso o corte de tráfico realizado nas últimas semanas ao longo dos 6 primeiros quilómetros, que permitiu intensificar o ritmo das obras e progresar no rebaixe dos desmontes, fundamentalmente nos do primeiro treito.

Na visita de hoxe supervisáronse un dos noiros do treito I, que foron obxecto de voaduras nas últimas semanas, e o viaduto da Moura, o segundo máis longo de todo o corredor, con máis de 400 metros, no que os piares xa están rematados e estase agora montando o carro lanzavigas, para poder executar o taboleiro.

A responsable de Infraestruturas tamén puido ver sobre o terreo o que se ten avanzado coas voaduras efectuadas ao longo destas oito semanas que estivo pechado ao tráfico o corredor, ata que se reabriu o día 21. Vázquez destacou que durante este tempo os operarios estiveron traballando arreo, incluso as fins de semana e os festivos da ponte de decembro, para axilizar ao máximo a execución. Ademais, agradeceu a todas as persoas que están a traballar na autovía a dedicación e o esforzo que están a realizar co obxectivo de poder concentrar os traballos de maior entidade no menor tempo posible.

A Xunta, atendendo ás recomendacións feitas pola DXT, acordou que o corredor se reabriría ao tráfico no Nadal, entre os días 21 de decembro e 8 de xaneiro, ambos incluídos, para non interferir na operación saída e retorno. Esta infraestrutura volverá pecharse o próximo día 9 de xaneiro para continuar coas principais voaduras que hai que realizar nestes primeiros quilómetros.

Ethel Vázquez subliñou que  esta infraestrutura conta cun investimento global de 55 millóns de euros, contando coa “maior dotación orzamentaria en 2017”, con 22 millóns reservados. Fixo fincapé en que o Goberno de Galicia considera esta actuación “esencial e prioritaria para o reforzo da seguridade viaria e a mellora da mobilidade dos veciños do Morrazo”.

También te puede interesar