Ciencia y Tecnología

@depo_es pon en marcha a campaña ‘Xogamos? Comámonos un pouco o coco’ contra os xogos sexistas e violentos

A Deputación de Pontevedra  vén de reeditar a campaña para o impulso e adquisición de xogos e xoguetes non sexistas e non violentos coincidindo co inicio das compras do Nadal. A campaña, que comezou o ano pasado, renóvase nesta ocasión para contar cunha nova imaxe e cun noxo xogo, o “comecocos”, que se materializará nunha figura recortable que aparecerá nos medios de comunicación impresos.

A presidenta do organismo provincial asegurou durante a presentación desta campaña que “especialmente nestas datas sempre recibimos publicidade de xoguetes que perpetúan os estereotipos e roles de xénero que foron asignados socialmente”. Estas publicidades, afirmou Carmela Silva, “emiten mensaxes dirixidas ás nenas sobre coidado, beleza, tarefas do fogar en seccións de cor rosa e aos nenos relacionadas co deporte, ciencia ou aventura en seccións de cor azul. As nais e pais non deben permitir que as empresas de xoguetes impoñan roles ás nenas e nenos e debemos loitar contra isto dunha maneira moi activa, xa que é unha obriga dunha administración pública que cre nunha sociedade igualitaria onde todas as persoas teñan as mesmas liberdades”.

A segunda campaña de sensibilización de xogos e xoguetes non sexistas nin violentos leva por nome “Xogamos? Comámonos un pouco o coco. A diferenza non a marques ti” e consiste no tradicional “comecocos”, un xogo “divertido e motivador, no que poden participar tanto nenas e nenos sen distinción, interaccionando e favorecendo así a súa comunicación”, asegurou a presidenta, que engadiu que “queremos que as cativas e cativos personalicen o seu comecocos e inclúan todos os xogos que se lles ocorran”.

A Deputación propón xa unha serie de xogos: “O conto do revés (conta un dos teus contos dándolle a volta ás personaxes)”, “Na procura do tesouro (agocha un tesouro e dá as indicacións frío ou quente segundo se acheguen ou afasten del)”, “Eu de maior quero ser (con mímica dille ó grupo cal é a túa profesión favorita)”, “O tres en raia (pinta unha cuadrícula con 9 ocos e a facer tres en raia)”, “Tira a lata (constrúe unha torre con 10 latas seguindo o esquema 4,3,2,1 e logo tira a bola)”, “A cidade imaxinaria (usa a túa imaxinación e crea a cidade con calquera material que atopes na cidade na que che gustaría vivir)”, “A comba” e “O xogo da cadeira (cando pare a música tes que atopar sitio para sentar)”.

También te puede interesar