RGPD - Cookies
Galicia

@bloque leva até as cabinas de peaxe entre Vigo e Pontevedra a súa campaña dunha Autoestrada galega e sen peaxes

ap9-03A ofensiva social e institucional iniciada polo BNG hai varias semanas, para reclamaren unha «AP-9 galega e sen peaxes», chegou até as propias cabinas das peaxes. Nunha acción de protesta organizada a nivel galego, o Bloque realizou unha caravana reivindicativa que no caso da comarca de Vigo tivo por destino a peaxe entre a nosa cidade e Pontevedra.

«Foi un acto simbólico con pagamento con moedas de céntimo nas peaxes e forma parte dunha campaña que estamos a desenvolver para reivindicar tanto a transferencia da AP-9 a Galiza como a eliminación das peaxes», explicou o deputado nacionalista Luís Bará.

Bará insistiu en denunciar a «navallada» que para o país supón o feito de que AP-9 fique baixo competencia do Estado e xestionada por unha concesionaria privada que ingresa 300 mil euros diarios en peaxes. «Parécenos que é un exemplo clarísimo de estafa, de espolio de recursos que van parar a grandes empresas especulativas de fóra, que se benefician das peaxes máis caras do Estado. É un exemplo tamén de como os partidos de obediencia estatal, neste caso o PP, din unha cousa aquí e outra completamente contraria en Madrid», criticou. O deputado salientou a importancia deste víal ao ser unha «infraestrutura estratéxica para o conxunto de Galicia», xa que comunica as cinco cidades do eixo atlántico e tamén puntos chave como os principais portos e os aeroportos galegos.

O responsábel comarcal do BNG en Vigo, Manuel Caride, destacou a boa acollida que está a recibir socialmente a campaña iniciada pola fronte nacionalista. «É evidente que hai unha amplísima maioría social que se revolve diante desta estafa e que aposta nunha AP-9 galega e sen peaxes», valorizou. Caride, sinalou que a protesta realizada este sábado é unha acción máis dentro da campaña que as nacionalistas continuarán a desenvolver nas próximas semanas.

ap0_01A respeito da conversión en vía urbana do tramo da AP-9 que atravesa o termo municipal de Vigo, o responsábel local do BNG, Serafín Otero, lembrou que se trata dunha histórica reivindicación das nacionalistas. «Levamos desde finais dos 90 reclamando que a autoestrada deixe de tronzar a cidade e se convirta en vía urbana, e así llo demandamos reiteradamente ao Goberno español», explica.

Neste senso, Otero lembra que a fronte nacionalista incorpora nas súas emendas aos orzamentos xerais do Estado desde 2011 ese reclamo. Por iso, critican o «oportunismo e o cinismo» do alcalde de Vigo que nos últimos días se ten pronunciado sobre o tema. «O que tiña que explicar Abel Caballero é porque o PSOE se negou a converter en vía urbana o tramo da AP-9 en 2011 cando gobernaban en Madrid», retou Otero. O dirixente nacionalista alude á resposta negativa formulada polo ministerio de Fomento, baixo dirección do socialista José Blanco, a unha iniciativa presentada pola deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila.

Desde o BNG insisten en urxir a conversión para que a autoestrada «deixe de partir en dous o barrio de Teis». Por iso, a fronte nacionalista recolle a proposta formulada xa hai varios meses pola Asociación Veciñal de Teis de que a conversión en tramo urbano se realice desde as Torres de Padín e non apenas desde Bos Aires, como defende Caballero, o que melloraría de maneira substancial as comunicacións e o tránsito nesa zona e no conxunto da cidade.

También te puede interesar