Galicia

A Xunta abre a bolsa de emprego para contratar persoal de cociña e camareiros-limpadores en centros de servizos sociais e ensino

comedor-escolar

A Xunta acaba de abrir o prazo de inscrición na bolsa de emprego temporal da Administración galega en dúas listas, a de camareiro-limpador, axudante de cociña e outras categorías (lista V-001) e a de xefe de cociña (lista III-014). Isto permitirá facer contratacións temporais na época do nadal para poder substituír os empregados públicos durante as súas vacacións.

O prazo de inscrición nas dúas listas estará aberto dende este luns ata o 8 de novembro, segundo recolle unha resolución da Dirección Xeral da Función Pública que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia.

Para inscribirse nas listas é preciso cumprir os requisitos de titulación: para a lista de camareiro-limpador e axudante de cociña esíxese certificado de escolaridade e celga 2; e para a lista de xefe de cociña é requisito posuír a titulación de técnico superior de restauración e celga 4.

Todas as persoas interesadas en formar parte destas listas poderán solicitar a súa inscrición presentando a instancia conforme ao modelo que se incluirá na web da Xunta, no apartado de Listas de Contratación. As persoas que xa están nestas listas non é preciso que se anoten de novo.

Os traballadores seleccionados farán o seu labor principalmente en residencias de maiores, centros de atención a persoas con discapacidade, escolas infantís e centros de menores, centros de educación infantil e primaria con servizo de comedor en réxime de xestión directa e centros de educación con internado.

 

También te puede interesar