Nacional

Alexandra Fernández denuncia o destape da “gran coalición” PP-PSOE e anuncia que En Marea dirá “non” a Rajoy

Alexandra Fernández co xefe do Estado, este luns naZarzuela

A portavoz de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, acudiu este luns pola tarde á consulta co Xefe de estado na Zarzuela e após do encontro realizou a avaliación de En Marea nas dependencias do Congreso.

Afirmou nas súas declaracións que “levamos tempo dicindo que só había dúas vías: a da grande coalición e unha vía alternativa de esquerdas. Máis o vodevil e a indefinición do PSOE rematou e a grande coalición destapouse, quitándose a careta. Estamos perante o desenmascarameto da grande coalición”.

Fernández puxo de manifesto que En Marea sempre estivo en contra dos recortes do PP e “votaremos en coherencia en contra da investidura de Rajoy. Faremos un exercicio de demostración de integridade e de coherencia, e deixaremos claro que existe alternativa política aos recortes e ás denominadas políticas de austeridade”. Alexandra Fernández subliñou que En Marea e o resto das forzas do cambio serán a oposición política a este Goberno, lembrando que “en Galicia xa somos a alternativa ao réxime”.

A deputada de En Marea destacou que a abstención do PSOE en segunda volta a Rajoy “non é un mero apoio puntual”, sinalando que a grande coalición ven de lonxe, “comezou no 2011 co pacto da reforma do artigo 135 da Constitución. A grande coalición ven, por tanto, de atrás porque a realidade demostrou que o PSOE leva tempo apostando por esa vía”.

Para a portavoz de En Marea “estamos asistindo ao repliegue do réxime ordenado por Bruxelas”, e recalcou que En Marea, en contraposición, “significaráse na loita pola democracia“, aclarando que a disxuntiva é “o réxime do 78 coa súa continuidade no réxime do 2011, cando PP e PSOE pactaron a reforma do artigo 135, ou máis democracia e unha alternativa ao austericidio que é a vía de En Marea”. Engadiu que “o réxime do 78 está a mudar en réxime de 2011”.

Advertiu dos intentos de “pechar en falso a demanda dun proceso constituínte” e recalcou a necesidade de abrir o proceso constituínte “demandado pola maioría e que En Marea partilla”. Para Alexandra Fernández “é importante escoitar a vontade da cidadanía” e “fronte a ese réxime está o vector democrático no que se sitúa En Marea”. Sinalou que puidemos ver que “estamos ante o golpe do réxime através dos partidos políticos con decisións que se adoptan á marxe das bases sociais”.

No turno de preguntas dos xornalistas sobre o estado de ánimo do Xefe do Estado, Alexandra Fernández afirmou que “se lle nota máis relaxado porque obviamente o contexto é diferente e está todo pechado”.

You may also like