Deportes

O balonmán galego presume do seu poder

balonmano-campana01

O balonmán galego goza dunha saúde inmellorable, reescribindo cada día as mellores páxinas da súa historia e colocando aos seus clubs entre os máis grandes. Por este motivo, co gallo dos derbis que se vivirán en Galicia os vindeiros días, o balonmán galego aproveita para presumir do seu na campaña ‘Temos o poder’.

O vindeiro sábado 22 de outubro, A Sangriña será o escenario do mellor derbi galego feminino da historia. O Mecalia Atlético Guardés e o Godoy Maceira Balonmano Porriño colideran, co Super Amara Bera Bera, a Liga Loterías 16/17. Os dous conxuntos chegan invictos á cita cun total de cinco vitorias consecutivas. Sete días despois, o Municipal de Pontevedra revivirá un duelo que fai máis de trinta anos que non se dá: o derbi pontevedrés entre a S.D Teucro e o Club Balonmano Cisne.

Co gallo destas dúas citas, a Federación Galega promove a campaña ‘Temos o poder’ en colaboración cos catro clubs que xogarán estes encontros. O obxectivo da iniciativa é promover o balonmán nas provincias de Lugo e Ourense, as dúas nas que ten menor relevancia a día de hoxe, a través de actividades desenvolvidas polos clubs: charlas, invitacións a partidos, amigables das categorías inferiores…

balonmano-campana02

Para promocionar os derbis estes días, a Federación Galega valerase de catro vídeos que serán lanzados nas redes sociais ao longo da semana. Nun acto de presentación oficial na  Casa do Deporte en Vigo xa se deron a coñecer os vídeos ‘O poder da familia’ e ‘O poder dos capitáns’. A próxima semana verán a luz ‘O poder da amizade’ e ‘O Poder do balonmán galego’.

Nestes vídeos o que se pretende é destacar a “gran familia” que é o balonmán galego, xa que moitos dos que forman parte deste deporte están unidos polo sangue (pais e fillos, irmáns, curmáns…) e tamén os valores que se promoven nos equipos desta disciplina: amizade, humildade, respecto…

You may also like