Comarcas

O novo centro de saúde de Tui arranca a súa actividade de tarde

tui-centro-salud-nuevo-01

O vindeiro luns 17 de outubro o novo centro de saúde de Tui inicia a actividade ordinaria en xornada de tarde. Así, o equipo de profesionais da Unidade de tarde, composto por un médico xeral, un pediatra e dúas enfermeiras, atenderán a súa poboación no novo edificio sanitario.

Ademais, tamén iniciará a súa activade nas novas instalacións a Unidade de Fisioterapia que presta atención en xornada de tarde, mentres que as prestacións fisioterapéuticas en horario de mañá continúan ofertándose, de momento, no centro vello.

 

Trátase da segunda fase do cronograma de traslado entre o centro antigo e o novo, que comezou o pasado 30 de setembro co traslado das Urxencias do Punto de Atención Continuada (PAC). A terceira e última fase será nas vindeiras semanas, cando se trasladen as consultas en horario de mañá.

tui-centro-salud-nuevo-02

Catro millóns de investimento

A consellería de Sanidade realizou un investimento de 4,1 millóns de euros nesta infraestrutura, que conta cunha superficie construída de máis de 3.500 metros cadrados.

O novo edificio conta cunhas “instalacións modernas” con 22 consultas de medicina xeral de adultos e 4 de pediatría. Conta ademais cunha área destinada á matrona e educación maternal, unha área de odontoloxía, outra de fisioterapia e salas polivalentes. Na área de administración disponse dun arquivo, almacéns e outros servizos comúns.

O seu cadro de persoal está composto por 44 profesionais: 11 médicos de familia, 3 pediatras, 1 odoentoestomatólogo, 1 farmacéutico, 15 profesionais da enfermería, 1 matrona, 3 fisioterapeutas, 1 técnico especialista, 1 asistente social, 1 auxiliar administrativo e 6 PSX (persoal de servizos xerais).

También te puede interesar