Destacados Vigo al minuto

Un millar de escolares aprenden con profesionais do Sergas técnicas de RCP

rcp

Os nenos salvan vidas. Ese é este ano o lema do Día Europeo de Concienciación ante o Paro Cardíaco, que o hospital Álvaro Cunqueiro celebrou sensibilizando a mozos e mozas sobre a importancia da morte súbita e estimulando a educación sanitaria nas técnicas de reanimación cardiopulmonar ou RCP.

Un equipo de 18 profesionais sanitarios do Servizo de Medicina Interna desprazouse este venres a seis institutos da cidade (O Castro, Carlos Casares, Ricardo Mella, Pino Manso, Primeiro de Marzo e Beade) para dar a coñecer aos estudantes unhas nocións básicas da reanimación cardiopulmonar.

En total, case un millar de mozos e mozas participaron nesta actividade, na que puideron visualizar un vídeo realizado polo propio persoal do servizo, que ensina os pasos que deben seguirse na atención a unha vítima que sofra un paro cardíaco, así como o adestramento na realización das técnicas de RCP.

O 061 atende en Galicia unhas 780 incidencias por morte súbita ao ano fóra do hospital, polo que “calquera persoa, tamén os nenos e adolescentes, poder ser testemuñas dunha parada cardiorrespiratoria, de aí a importancia de formar á poboación en coñecementos sobre reanimación cardiopulmonar”, segundo asegurou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña. O momento idóneo para comezar a formarse neste campo é xa na escola e nos institutos, para que dende moi nova a cidadanía saiba que facer nestas situacións.

 

También te puede interesar