Arrancan na comarca de Verín os traballos de recuperación do monte tras a vaga de incendios deste verán

incendio-chandefrito-ba-01

O director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández-Couto, e técnicos da Consellería do Medio Rural reuníronse este xoves cos alcaldes dos concellos ourensáns de Cualedro, Laza, Oímbra e Monterrei e con representantes dos montes veciñais e particulares afectados para abordar os traballos de recuperación dos montes comunais tras os incendios deste verán.

No encontro planificáronse as actuacións para a recuperación do potencial forestal en zonas afectadas polos lumes nestes municipios, que comezarán nos próximos días. Estas actuacións servirán para facer un control dos riscos hidrolóxicos erosivos asociados aos lumes e atallar os posibles procesos de degradación dos solos afectados.

Ademais, nesta xuntanza o director xeral lembroulles aos rexedores que aínda está aberto ata principios de novembro o prazo para acollerse ás axudas para compensar as perdas que os particulares sufriran a consecuencia dos lumes. Estas achegas, publicadas o pasado día 3 de outubro no Diario Oficial de Galicia, están dotadas cun orzamento dun millón de euros. Servirán para a reposición de infraestruturas e equipamentos privados danados, así como para paliar os danos rexistrados nas explotacións agrícolas e gandeiras.

Con respecto aos traballos de rexeneración dos montes, ademais das actuacións específicas de consolidación de solos, realizaranse outras como sementados rexenerativos, eliminación de madeira queimada sen valor de mercado para mellorar a posterior rexeneración do arborado ou aproveitamento da madeira recuperable. Tamén melloraranse as infraestruturas forestais das zonas queimadas, reparando as cunetas e as obras de paso para facilitar a capacidade de evacuación de augas.

 

También te puede interesar