Comarcas

Arrancan as obras da reforma da praza de abastos de Mondariz

mondariz-obras-praza-abastos

Comezan as obras da reforma da praza de abastos do concello de Mondariz, integrada no Plan Concellos 2016 da Deputación de Pontevedra e que pretende actualizar a súa imaxe e dinamizar a praza de cara a darlle novos usos complementarios, como un espazo de emprendemento.

As obras contarán cun orzamento de case 30.000 euros e terán un prazo de execución previsto para este mes de outubro e o de novembro durante arredor de 45 días.

O deputado David Regades sinalou que se trata dunha “grande posta en valor da imaxe que Mondariz quere dar de si mesma cara ao exterior e das actuacións dentro dos territorios locais”, xa que “os alcaldes e alcaldesas teñen non só que solucionar os problemas máis cotiáns senón apostar pola economía, polos e polas comerciantes e pola xente emprendedora”.

As obras da praza de abastos de Mondariz constan de dúas fases, estando a segunda delas prevista para o ano que vén.

As obras a realizar serán o acondicionamento dunha parte dos postos do mercado, a renovación das instalacións de fontanería e saneamento, a renovación e acondicionamento dos aseos para persoas con mobilidade reducida, a substitución do pavimento do espazo central e dos postos afectados, unha actuación nos paramentos externos dos postos de cara a conseguir unha imaxe unitaria e identificativa do mercado, a renovación do mobiliario dos postos centrais para así os dotar con elementos móbiles de carácter plurifuncional e unha intervención escénica mediante iluminación e pérgolas de estrutura lixeira orientada a dar unha nova proporción e escala ao espazo interior do mercado.

También te puede interesar