Comarcas Galicia

Máis de 200 maiores vanse de termas esta semana coa @depo_es

depotermal

Máis de 200 persoas maiores da provincia participarán ao longo da semana que vén no programa ‘Depotermal’ da Deputación de Pontevedra, que promove o envellecemento activo e a mellora da calidade de vida das persoas de idade.

Trátase dunha iniciativa, que se desenvolve entre setembro e decembro, da que se benefician máis de 4.000 maiores da provincia, a través de estancias en establecementos termais coa modalidade só diúrna ou con aloxamento completo.

Dende este domingo 2 de outubro ao venres 7, un total de 28 maiores gozarán dunha estancia completa nas Termas de Cuntis, mentres que outros 56 aloxaranse no Talaso Hotel Louxo a Toxa.

Proveñen dos concellos de Vigo, Redondela, A Lama, Salvaterra de Miño, Mos, Cerdedo, Pontevedra, Lalín, Vilanova de Arousa, Moaña, Crecente, Vilagarcía de Arousa e Ponteareas. Ademais dos tratamentos termais no establecemento termal, aproveitarán a estancia para realizar visitas e saídas para coñecer a contorna natural e histórica da zona.

Durante a próxima semana tamén, do luns 3 ao venres 7 de outubro, un total de 121 maiores da provincia aproveitaranse tamén da asistencia diaria, durante eses cinco días, para gozar dos tratamentos termais no Balneario da Toxa e nas Termas de Cuntis. Estas persoas maiores proveñen dos municipios de Cerdedo, Forcarei, Redondela, Soutomaior, A Estrada e Caldas de Reis.

Durante este mes e no que queda de ano, máis de 4.000 maiores da provincia gozan do programa “Depotermal” a través das súas dúas modalidades. Un total de 2.855 fano con aloxamento nocturno e 1.431 fan só uso da asistencia diúrna aos establecementos termais. Ademais, por primeira vez este ano, reserváronse preto de 450 prazas para persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión, que antes non podían acceder ao programa por motivos económicos.

También te puede interesar