Deportes Destacados

O II Open Internacional de Moaña reunirá a 550 taekwondistas

taekwondo-moanaFin de semana de taekwondo no Morrazo. Estes 1 e 2 de outubro celébrase o II Open Internacional de Moaña, no que participarán un total de 550 taekwondistas de combate e técnica de Galicia, Madrid e Portugal.

O sábado terá lugar a modalidade de combate que, con preto de 400 deportistas, é a máis numerosa. Pola mañá, de 09.30 a 14.00 horas, será a quenda para a categoría absoluta en pesos olímpicos e para a categoría cadete, mentres que pola tarde, de 15.30 a 21.00 horas, será o momento das categorías júnior, infantís e alevíns.

A técnica está reservada para a xornada matinal do domingo (de 10.00 a 14.00 horas) con 150 participantes.

Este torneo, organizado polo club Patiño Moaña en colaboración coa Federación Galega de Taekwondo, ven herdado do Campionato Vila de Moaña, realizado dende hai máis de dez anos e que, dende o pasado ano, adquiriu o formato Open para abrilo a outras comunidades e países.

Ademais neste campionato haberá premios en metálico: o equipo gañador recibirá un premio de 300 euros, mentres que o segundo clasificado terá un premio de 200 euros e o terceiro, 100 euros.

También te puede interesar